
O premio, engaden, convócase por primeira vez este ano con carácter aberto, fornecendo a posibilidade de presentárense a todas aquelas persoas ou entidades que desenvolveran iniciativas de innovación social de alicerce tecnolóxico. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 8 de setembro.
A convocatoria está dirixida “a aquelas iniciativas especialmente destinadas a potenciar o fomento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación accesibles, a diminuír a fenda dixital, ou a pór en marcha proxectos empresariais ou sociais de fabricación de produtos ou desenvolvemento de servizos que incorporen un elevado nivel do uso das TIC orientados a mellorar a calidade da vida das persoas con diversidades funcionais ou cognitivas, persoas maiores, persoas desempregadas, persoas dependentes, persoas con doenzas crónicas, mulleres do rural…, e en xeral das persoas en risco de exclusión social e/ou dixital”. Polo tanto, a finalidade do galardón é salientar as boas prácticas na área das TIC como un factor de mellora continua da actividade social e da aplicación da tecnoloxía en proxectos con impacto social positivo.
Este galardón será entregado xunto cos restantes Premios Galicia das Telecomunicacións no marco da XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. O evento terá lugar o 24 de outubro de 2014 no Gran Hotel da Toxa, baixo o lema Sociedade Dixital e Saúde.
Catro categorías
Xunto co premio en colaboración coa AMTEGA as distincións do COETG-AETG establecen catro categorías. O Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC 2014, patrocinado pola Fundación homónima e dotado con 6.000 euros, é unha iniciativa que distingue aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un pulo económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina.
O Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 busca fomentar a realización de teses doutorais con potencial de achegar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
O Premio Ineo ao produto ou servizo TIC máis innovador do 2014, patrocinado pola Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Ineo) está destinado a recoñecer ás empresas que estean a contribuír ao impulso do sector galego das TIC e a dinamización da Sociedade da Información e o Coñecemento en Galicia.
O COETG e AMTEGA distinguirán os proxectos galegos con meirande poder de beneficio social
Compartir Este Artigo
