A Federación Down Galicia, en colaboración co Programa de Voluntariado Dixital da Xunta (Voldix), promovido pola AMTEGA e a Dirección Xeral de Voluntariado, organizan unhas xornadas formativas sobre manexo básico en ferramentas ofimáticas de follas de cálculo para impartir entre os traballadores e traballadoras das súas entidades membro.
Trátase dunha actividade que Down Galicia inclúe no seu plan de formación continua para o seu equipo profesional. Esta actividade en concreto ten por obxectivo dotar ao seu cadro de traballadores dos coñecementos técnicos que precisan para manexar con solvencia este tipo de ferramentas, fundamental no día a día dos seus postos de traballo. Unha formación básica e necesaria, pero ás que moitos profesionais non accederan de xeito formal por non ser específica da súas áreas de traballo.
Para a realización destas xornadas Down Galicia contará con persoal propio, sete voluntarios dixitais e persoal da empresa TIC 3.14 Financial Contents, mecenas dixital adherido ao programa VolDIX.
As entidades Down nas que se impartirá a formación son Teima Down de Ferrol, Down Ourense, Down Coruña, Down Compostela,Down Lugo, Down Pontevedra Xuntos e Down Vigo.
