
Polo tanto, entre os seus principais cometidos estará o de dar coa solución definitiva para un divorcio que xa durou demasiado tempo: o que afasta dende antigo ao tecido empresarial de centros tecnolóxicos innovadores como Gradiant. Boa parte do traballo xa foi desenvolvido por Fernando Pérez-González e o seu equipo. Agora toca seguir redobrando esforzos.
O director xeral saínte destacou durante o acto que esta substitución foi froito “dunha decisión meditada”, e sobre todo encamiñada a afrontar con seguridade os novos retos que se lle presentan a Gradiant nos vindeiros anos. Referiuse en boa medida ao novo Plan Estratéxico de Gradiant 2014-201, coas súas dúas apostas clave: o produto e a internacionalización. Isto, dixo, referenda a necesidade de incorporar un perfil diferente para liderar Gradiant nesta nova etapa. Segundo fixo saber, “non hai dúbida de que David Vázquez Cortizo é esa persoa”.
Pérez fixo un repaso da súa traxectoria e a do equipo fundador do centro durante o seis anos de vida deste, nos que medrou ata converter Gradiant en referencia da I+D en novas tecnoloxías de Galicia. “Deixamos Gradiant convertido en centro de referencia, recoñecido polo Ministerio de Economía e Competitividade como un dos 5 centros tecnolóxicos galegos acreditados, con preto de 100 persoas en persoal, unha facturación prevista en 2014 superior a 5 millóns de Euros, máis de 100 empresas clientes e o recoñecemento a nivel internacional,con 4 millóns captados no 7º Programa Marco da UE”, sinalou o director saínte, que engadiu que seguirá colaborando con Gradiant, amais de como investigador, como membro dos seus comités asesores científico e de estratexia.
Pola súa parte, David Vázquez Cortizo confesouse “ilusionado” por aterrar nun centro co potencial de Gradiant. Segundo fixo saber, “despois de case 16 anos de vida profesional no estranxeiro e tras 14 anos de experiencia orientada a produto en multinacionais, é unha honra para min tomar as rendas dun proxecto apaixonante e único en Galicia”. Vázquez Cortizo amosouse moi satisfeito co que atopou en Gradiant: “Chego a un centro moi ben xestionado malia o rápido crecemento do centro nos últimos anos”. E engadiu: “Estou a atopar enxeñeiros con talento, paixón, ilusionados, entregados, con ganas de facer novas cousas e contentos de traballar aquí”.
Para o novo director xeral de Gradiant, o futuro do Centro Tecnolóxico pasa por afrontar con éxito os dous retos devanditos (a internacionalización e procura de transferencia de excelencia técnica) aos que cómpre engadir un terceiro: a orientación a produto. Ao seu xuízo, o centro debe “abrirse ao exterior”, sobre todo “para mellorar as nosas propias capacidades, ter unha exposición mais directa ás novas ideas que se cocen aí fóra, e afianzar a sustentabilidade do centro”. E todo, dixo, en deixar de lado o seu primeiro mercado, o galego.
David Vázquez Cortizo asume a dirección de Gradiant
Compartir Este Artigo
