O vindeiro 29 de setembro, o centro tecnolóxico CiTIUS da Universidade de Santiago vai dar acubillo a unha sesión informativa e de divulgación sobre as posibilidades que ofrece o mercado profesional do exame de patentes en materia de innovación tecnolóxica. Máis polo miúdo, do que se trata é de dar a coñecer o labor que desprega a Oficina Europea de Patentes (EPO) e as oportunidades de traballo que pon en xogo. A oficina, informan fontes do CiTIUS, é unha organización internacional na que traballan preto de 7000 persoas con 31 nacionalidades diferentes, das cales, en torno a 4000 son examinadores de patentes. Ten as súas sedes en Múnic, A Haia e Berlín, e os idiomas oficiais de traballo son o inglés, o francés e o alemán.
O acto estenderase durante unhas tres horas e no seu transcurso os representantes da EPO explicarán o labor que leva a cabo esta institución, e as oportunidades que presenta a titulados en enxeñarías e carreiras técnicas. Ao longo deste bloque darase a coñecer tamén o traballo de examinador de patentes, a partir da experiencia dun EPO examiner que intervirá na segunda parte da exposición.
A xornada, engade o centro tecnolóxico compostelán, está dirixida sobre todo “a titulados ou estudantes de últimos cursos interesados en explorar máis polo miúdo o traballo de examinador de patentes da EPO como carreira profesional, analizando a diario as últimas innovacións tecnolóxicas”. Trala presentación, os asistentes que así o desexen terán a oportunidade de realizar unha pre-entrevista non vinculante co persoal da Oficina Europea de Patentes, que cada ano recruta en torno a 200 novos examinadores.
O CiTIUS organiza unha xornada sobre as potencialidades laborais da Oficina Europea de Patentes
Compartir Este Artigo
