Os nosos centros tecnolóxicos teñen ante si unha recta final de 2014 do máis completa. O CITIC (Centro de Investigación TIC da Coruña) comeza esta volta do verán participando este venres na conferencia FI-Jump de Porto, Portugal, impulsada por FI-WARE. Este último é un proxecto financiado pola Comisión Europea dentro do programa Future Internet Public Private Partnership (FI-PPP) que se dirixe a empurrar cara adiante a capacidade emprendedora europea abordando ás empresas ao servizo das Cidades Intelixentes (Smart Cities). Con este fin, póñense en xogo plataformas abertas que tiran proveito da información en tempo real e datos procedentes de múltiples fontes.
Segundo informa o CITIC, o obxectivo concreto de FI-WARE é sen dúbida un obxectivo de longo alcance, tanto en espazo como en materia de tempo: trátase de potenciar e preparar a Internet do futuro para que as cidades sexan máis intelixentes, máis sustentables e máis e mellor integradas, ao tempo que se poñen en xogo elementos que facilitan e axilizan a xestión. En cuestión de orzamentos falamos de máis de 80 millóns de euros, que serán distribuídos a novas iniciativas de emprendemento innovador, PEME e emprendedores web de toda Europa.
A conferencia de Porto persegue atraer ideas innovadoras para o desenvolvemento de aplicacións e servizos de Internet “potencialmente rendibles”, así como acadar financiamento inicial para aquelas máis prometedoras. Segundo informa o CITIC, as ideas para aplicacións deben centrarse na calidade de vida, a mobilidade e a eficiencia dos recursos (enerxía, auga, materiais e residuos).
Lembrar por outra banda que o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), un punto de encontro entre universidade e empresa para levar ao máis lonxe a investigación e desenvolvemento TIC, acubilla actualmente a máis de 100 investigadores ao servizo de proxectos dos sectores público e privado. “Todo isto”, engaden fontes do centro coruñés, “co consecuente beneficio da súa actividade para o tecido empresarial: creación de emprego, retención de talento, aumento do PIB, prestixio e recoñecemento para os investigadores a nivel mundial, etc”.
Os investigadores do CITIC participan na conferencia do proxecto FI-WARE en Porto
Compartir Este Artigo
