Un bo condutor vai xeralmente pola vida sen que se note moito a súa presenza. Cos malos condutores, pasa o contrario. Con todo, esta semana puidemos saber dunha aplicación que tamén valora como se merece a quen fai na estrada das cousas como hai que facelas, con sentidiño común e pensando sempre na seguridade dos demais, amais da propia. Trátase de Drive Smart, unha aplicación que ditamina se as manobras que facemos son correctas ou incorrectas, achegándonos ao final das probas unha cualificación persoal e específica. A ferramenta, que é de balde e está dispoñible dende a primavera para trebellos con Android (a partir de mediados deste mes tamén haberá versión para iOS), vén da man dunha pequena empresa de desenvolvemento escocesa-española (en realidade unha parella de desenvolvedores de ámbolos países).
A día de hoxe, conta con tres milleiros de usuarios e, segundo informan os seus creadores, ten clara vocación internacional. De feito, usuarios de dispositivos á par que condutores son a estas alturas case unha maioría. A ferramenta pódese (e débese) empregar ao longo dunha viaxe. No traxecto a aplicación fai o seu traballo: recolle información sobre o percorrido e sobre o noso xeito de percorrelo. Unha vez que remata o desprazamento, danos a súa valoración. Cada condutor parte cunha nota de 100 puntos. Esta puntuación irase perdendo con cada erro. Por exemplo se nos pasamos da velocidade permitida ou se nos saltamos un semáforo. Ao final do mes, o servizo fornécenos dunha cualificación global. A ferramenta, amais de notas, tamén aconsella. Estas recomendacións veñen da man dos profesionais de Seguridade Viaria da Universidade de Valencia, un equipo de investigadores que acordou colaborar cos responsables de Drive Smart.
A aplicación Drive Smart axúdanos a saber se conducimos ben (ou non)
Compartir Este Artigo
