Gradiant ferve de actividade. Se antonte falamos do nomeamento de David Vázquez Cortizo como novo director, hoxe damos conta da visita recente dun senlleiro e importante investigador ás instalacións que o centro tecnolóxico ten no Campus de Vigo. Falamos da estadía en Gradiant do profesor Pablo Laguna, un dos expertos máis renomeados a nivel mundial en canto ao procesado de sinais biomédicos. A arribada de Laguna a Gradiant foi posible grazas ao proxecto europeo LIFTGATE. Lembrar que Laguna é profesor catedrático na Universidade de Zaragoza, director científico do Centro de Investigación Biomédica en Rede en Bioenxeñaría, Biomateriais e Nanomedicina (CIBER-BBN) e membro da Academia Internacional de Enxeñaría Biomédica. Segundo engade Gradiant, “constitúe un referente a nivel mundial no procesado dixital de sinais biomédicos”.
A estancia do profesor en Gradiant limitouse ao mes de xullo de 2014. Durante este tempo, impartiu charlas e relatorios sobre o procesado de sinais de electrocardiografía (ECG) e electroencefalografía (EEG) dirixidas ao persoal investigador do centro tecnolóxico galego. Estas intervencións contaron tamén coa participación de representantes da Universidade de Vigo e do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O profesor Laguna tamén tivo a oportunidade de presidir unha mesa redonda sobre procesado dixital de sinais biomédicos.
“Grazas á súa estadía”, sinalan fontes do centro tecnolóxico, “tivemos a oportunidade de adquirir coñecementos que reforzan as nosas capacidades neste eido médico-tecnolóxico, o que constitúe un novo activo para a nosa recente área de eSaúde”. Durante o tempo en que o profesor traballo cóbado con cóbado cos investigadores galegos, abríronse e asentáronse posibilidades firmes para unha colaboración entre Gradiant e o CIBER-BBN.
O director científico do CIBER-BNN compartiu coñecemento en Gradiant
Compartir Este Artigo
