Este xoves 11 de setembro, a partir das 11.30 horas, o Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña) vai dar acubillo a un novo encontro da Factoría da Innovación da Coruña dirixido a familiarizar ás empresas e aos nosos profesionais cunha contorna continua e natural de espírito creativo arredor da tecnoloxía e o coñecemento. A xornada Innovación e Emprendemento, en palabras da factoría, encamíñase a ofrecer a empresarios e emprendedores as claves para poder innovar nos seus negocios e crear empresas áxiles, estables e globalmente competitivas.
A participación nesta sesión, así como en todas as actividades organizadas pola Factoría de Innovación da Coruña, é de balde. Os interesados deben realizar a súa inscrición a través da páxina web da Factoría. A xornada dará comezo cun relatorio sobre motivación para o emprendemento a cargo de Fernando González, UPD da Deputación da Coruña. Logo será a quenda de Mariem Filgueira, da Factoría da Innovación da Coruña, que exporá “modelos de negocio que viñeron para quedar”. Tralo descanso, programado para as 12.30 horas, Lucía Pita falará do proxecto Vivir na Coruña, do que é responsable. Máis tarde haberá unha mesa redonda na que participarán Leticia Jorge, xerente da Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia, Alicia e María Jover. socias de Natural Healing e Ramón Corujo, director de I+D de Outro Enfoque.
O Pazo de Mariñán serve de escenario a unha nova xornada sobre innovación e emprendemento
Compartir Este Artigo
