Xa o adiantamos hai uns días: a nosa terra é un caso excepcional, positivamente, na participación de España e as Comunidades no programa europeo REGPOT. De feito, dos cinco proxectos que están a día de hoxe abeirados ao programa e benefícianse dos seus recursos, tres son galegos. En total, falamos dun retorno de preto de 8,5 millóns de euros para Galicia, en virtude destas tres achegas. Máis en detalle, trátase de LIFTGATE (Gradiant), BIOCAPS (Instituto Biomédico de Vigo) e FAIERA (Aimen). Estas tres iniciativas, que como dixemos convértennos en “caso excepcional” no panorama da I+D europea, foron expostas en detalle a semana pasada nunha xornada desenvolvida na sede de Gradiant no Campus de Vigo.
No encontro, que xirou arredor do camiño que debe seguir a investigación tecnolóxica a nivel galego na procura de financiamento e visibilidade en Europa, participaron -entre outros- Manuel Varela, director da Axencia Galega Innovación e a vicerreitora de Investigación e Transferencia da UVigo, Asunción Longo, que foi a encargada de presentar Biocaps. Longo subliñou no seu relatorio que a duración de tres anos dos REGPOT “é moi limitada para poder consolidar os proxectos” e os representantes das tres iniciativas propuxeron a Manuel Varela a posibilidade de pór en marcha algún programa semellante dende a Xunta de Galicia.
Segundo sinalan fontes da UVigo, coincidiron tamén en salientar este tipo de proxectos como soportes para a investigación, xa que son “tractores” que tiran da I+D para xerar sinerxías e novos proxectos innovadores. “Non son tanto iniciativas de investigación tradicionais, senón accións de fomento da I+D”, fixo Longo. En semellantes termos expresouse Varela á hora de avaliar as posibilidades de encaixaren nas políticas autonómicas de innovación. Ao seu xuízo, axudan a “xerar novos proxectos, atraendo novos investigadores, colaboracións e visibilidade internacional”. Os tres REGPOT, informou Marcos Álvarez, de Gradiant, cobren sectores de relevancia para Galicia como as TIC, a biomedicina e a fabricación avanzada, no marco do Horizonte 2020.
Polo que respecta á achega que máis nos toca de preto en Código Cero, por ser a máis vencellada (directamente) ás novas tecnoloxías da información, LIFTGATE, dicir que é unha iniciativa dirixida a pór o noso potencial investigador, no eido das TIC, o máis preto posible de Europa. Máis en concreto, encamiñouse sobre todo a aumentar a competitividade do centro Gradiant como centro tecnolóxico a nivel europeo, sendo un dos seus obxectivos concretos fomentar o intercambio de coñecemento e a comunicación cos máis senlleiros e renomeados investigadores europeos e os centros onde desenvolven o seu traballo.
Os responsables das tres iniciativas galegas REGPOT queren continuidade para cada unha delas
Compartir Este Artigo
