O servizo de música en streaming Spotify, ese innovador invento que permite un acceso máis ou menos ilimitado á música a quen non ten as posibilidades económicas de acceder a produtos discográficos de índole máis tradicional, leva anos argallando xeitos de levar diñeiro para casa. De feito, malia o seu carácter innovador (abriu o camiño a unha chea de servizos semellantes que viñeron logo) e referencial, tardou moito en ser rendible. Agora os seus responsables buscan o xeito de xerar ingresos dos usuarios que usan o servizo a través da modalidade gratuíta. Falamos de 30 millóns de usuarios, case nada. A solución semella que pasa por achegarlles publicidade en vídeo. A cambio terán media hora da modalidade Premium, que fornece máis calidade e máis fondo musical.
As persoas que estean familiarizadas con Spotify saberá que a publicidade, ata o de agora, veu con formato audio, unha cousa por outra banda lóxica e natural se temos en conta que se trata dun servizo de música. Porén, semella que os responsables da plataforma precisan para perdurar no tempo de máis ingresos, e non se lles ocorreu mirar lonxe porque consideraron que unha das fórmulas posibles estaba ben preto: neses 30 millóns de usuario que escoitan música en Spotify (legalmente, claro) pola patilla. Chama a atención que para acadar que eses internautas se pasen á modalidade de pago con música sen límites se poña en xogo algo que se asemella moito a un agasallo.
Spotify achegará publicidade en vídeo para quen empregue o servizo de balde
Compartir Este Artigo
