
Os cursos, abertos e de balde, non se dirixen a destinatarios específicos, senón que se encamiñan a resultaren de utilidade para alumnado do Campus, titulados e profesionais en xeral. Por esta razón, non se require formación avanzada previa para formalizar a matrícula nas actividades, proceso que por certo deberá levarse a cabo a través da plataforma Bubela.
O obradoiro Community Management, que impartirá a xestora de comunidades virtuais Marta Crespo entre o 6 e o 16 de outubro, afondará nas “redes sociais e en todos os servizos que ofrece Internet para que unha empresa ou entidade poida ter unha presenza activa e coherente no plano dixital”, sinala a Vicerreitoría dos Campus, que engade que o obradoiro manterá aberto o seu prazo de preinscrición entre o 29 de setembro e o 5 de outubro.
Pola súa parte, Processing: Unha porta de entrada ao código creativo, un obradoiro impartido por Alberto García Ariza (coordinador do ciclo de obradoiros), desenvolverase do 10 de outubro e o 14 de novembro por quinta vez na Casa das Campás, sendo a súa finalidade introducir ao alumnado nos conceptos básicos da programación informática. A actividade, máis polo miúdo, estará adicada a amosar o funcionamento de Processing, “unha ferramenta de programación orientada ao deseño e á programación artística moi sinxela e moi accesible”, sinala García Ariza. O prazo de preinscrición abrirase o 3 de outubro.
A novidade do programa reside en Introdución á análise de datos con Excel, un obradoiro que se levará a cabo entre o 27 de outubro e o 6 de novembro e no que as persoas asistentes poderán coñecer o potencial da popular ferramenta ofimática. O enxeñeiro informático Juan Elosúa será o encargado de impartir o taller, que manterá aberto o seu prazo de inscrición entre o 17 e o 24 de outubro.
A programación complétase con outro curso, Introdución e fundamentos de maquetación de páxinas web con CSS. O 17 de novembro abrirase o prazo de inscrición, sendo o deseñador gráfico Yago Gestoso o encargado de impartir esta actividade, entre o 25 de novembro e o 11 de decembro e na que se amosará ao alumnado o manexo das follas de estilo CSS.
A Aula Tecnolóxica de Pontevedra convoca ao Campus arredor das TIC
Compartir Este Artigo
