
Segundo informa a Deputación, xa se esgotaron todas as prazas dispoñibles para este plan de actividades, que busca tamén un incremento nos beneficios empresariais dos participantes mediante o recoñecemento e posta en práctica de diferentes solucións tecnolóxicas e de xestión comercial. Por contidos, haberá accións de formación en xestión comercial, mercadotecnia dixital e implantación de novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).
O programa ofrece dous tipos de asesoramento, entre os que os interesados podían escoller en función das súas necesidades: por unha banda asesoramento en implantación de TIC (propóñense solucións software de negocio, como ferramentas para facturación, contabilidade, certificados dixitais, etc) e pola outra asesoramento en xestión comercial (novas liñas de actuación, novas áreas xeográficas e canles de venda; captación e mantemento no tempo de clientes, ferramentas para a promoción en liña, etc). Porén, segundo engade o organismo provincial, todos os participantes complementarán o seu asesoramento cun módulo especial que versará sobre as numerosas accións encamiñadas á mellora da mercadotecnia dixital. Con este fin, engade a Deputación, “levaranse a cabo completas avaliacións de páxinas web; do posicionamento nas redes sociais e a reputación en liña das empresas, ou da súa xeolocalización nas principais plataformas”.
