O Consello de Ministros aprobou o novo Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre (TDT), así como o Plan de actuacións para a liberación do dividendo dixital. Dá así un novo pulo á chegada da tecnoloxía móbil 4G, fomenta a alta definición na TDT e garante a difusión da oferta actual de canles de televisión en toda España.
O ministro de Industria, José Manuel Soria, recordou que un mandato comunitario obriga a liberar a banda de 800 MHz utilizada pola TDT para despregar a cuarta xeración de telefonía móbil. Este proceso de liberación do dividendo dixital supón unha reordenación das frecuencias de televisión na banda 790-862 MHz, na que emiten tanto das canles públicas como os privados, nacionais e autonómicos.
Soria anunciou que 998.000 comunidades de propietarios deberán adaptar antes do 31 de decembro deste ano as súas antenas colectivas para poder seguir vendo todas as canles de televisión. Dende o 1 de xaneiro de 2015, os edificios que non adaptasen os seus aparatos recibirán, por termo medio, o 90% das canles.
O ministro asegurou que os cidadáns non terán que asumir os custos deste proceso, que ascenden a 286.000 millóns de euros. O Goberno farase cargo dos gastos e aprobará proximamente un Real Decreto que establecerá os procedementos para que as axudas do Estado cheguen ás comunidades de propietarios.
A estas medidas acompañaraas unha campaña de comunicación con distintas accións para informar sobre o dividendo dixital e das actuacións para realizar a adaptacións das instalacións de televisión.
Nova plataforma para axilizar os trámites electrónicos coas Administracións Públicas
O Consello tamén aprobou hoxe un acordo para a creación de Cl@ve, unha nova plataforma común do sector público administrativo estatal para a identificación, autenticación e firma electrónica. Con iso substitúese o actual sistema de acceso electrónico na rede baseada na obtención dun certificado de firma electrónica por outro sistema de claves concertadas, de doada obtención e utilización, máis áxil e eficiente.
As persoas que desexen utilizar o sistema deberán facilitar os datos de carácter persoal necesarios para habilitar o servizo, segundo explicou o vicepresidente. Haberá dous tipos de identificación: Cl@ve ocasional: sistema de contrasinal de validez moi limitada no tempo, orientado a usuarios que acceden esporadicamente aos servizos, ou Cl@ve permanente: sistema de contrasinal de validez duradeira no tempo pero non ilimitado, orientado a usuarios habituais.
Sáenz de Santamaría anunciou que o compromiso do Goberno é que o sector público administrativo estatal teña habilitado o sistema en todos os servizos e trámites electrónicos antes do 1 de outubro de 2015.
