Case medio cento de empresarios, algúns xa consolidados e outros acabados de chegar ao ámbito da innovación, participaron este xoves na xornada Últimas tendencias en marketing dixital que se celebrou no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña) da man da Factoría de Innovación da Coruña (Escola de Organización Industrial e Deputación da Coruña). O obxectivo da xuntanza foi desvelar a parte da mercadotecnia en liña actual que amosa meirande aproveitamento para os nosos profesionais, incidindo na necesidade primeira, antes de encarar o miolo de calquera estratexia, de facer algo tan simple e sinxelo como escoitar aos nosos clientes. Esta fórmula é perfectamente aplicable ao dixital, se cadra con máis razón aínda. A vantaxe das redes sociais e Internet é que nos permiten escoitar aos nosos clientes máis preto, máis directo e de maneira máis accesible.
Brais Martínez, responsable de comunicación de Sdweb, abriu a xornada salientando a importancia que ten para as empresas emprazar correctamente a súa marca para xerar unha imaxe positiva e chegar aos seus consumidores potenciais. Para iso, sinalou, “existen moitas ferramentas, dende webs corporativas a blogs, pasando por perfís de redes sociais, pero malia as moitas posibilidades que xeran, supoñen un significativo esforzo para xestionalas dun modo efectivo”. Na súa opinión, “debido á interactividade que achega Internet, un elevado compoñente da composición da imaxe de marca depende directamente da opinión dos propios usuarios, cuxa participación activa na Rede e os comentarios que ofrecen sobre determinados produtos e compañías reformulan a imaxe que as empresas buscan construír”.
Martínez recomendou aos presentes que para teren un maior control sobre o devandito, deberán coñecer en detalle os perfís dos clientes e tamén as actuacións da competencia. Para acadar isto, hai ferramentas de intelixencia nos negocios (business intelligent), que permiten saber en tempo real como interactúan os usuarios de Internet e fornecen datos concretos “de gran utilidade á hora de distribuír os recursos orientados a aumentar as vendas”.
Outro dos relatores foi David Barajas, co-fundador de Esgalla, amosou os elementos que máis deben ser tidos en conta á hora de afrontar unha estratexia de mercadotecnia que sexa quen de marcar as diferenzas. Ao seu xuízo, a clave é analizar e investigar, tanto o produto como o público ao que se quere chegar. Neste senso, engadiu, “as redes sociais son unha alternativa sinxela e eficaz para tentear o alcance e interese dun determinado artigo”.
Os expertos galegos en mercadotecnia dixital recomendan usar as redes sociais para escoitar ao cliente
Compartir Este Artigo
