O Ministerio de Industria iniciou oficialmente o despregamento real da 4G na banda de 800MHz, tras a aprobación o pasado venres no Consello de Ministros do Plan Técnico da Televisión Dixital Terrestre e a regulación do proceso de liberación do Dividendo Dixital. E fíxoo na cidade de Zamora, seleccionada para iniciar o proceso. O acto de apertura contou coa presenza do secretario de Estado de Telecomunicacións, Víctor Calvo Sotelo; de directivos de Orange, Vodafone e Telefónica; e dos representantes das diversas administracións implicadas. Entre outras cousas, fíxose saber que os habitantes da cidade castelá serán os primeiros de España en contar con esta tecnoloxía, “que permite acadar velocidades ultrarrápidas nas conexións a Internet móbil, maior extensión xeográfica da cobertura 4G e mellor cobertura nos interiores dos edificios”.
En concreto, a iniciativa foi froito do acordo entre Industria, os ditos operadores, a Xunta de Castela e León, a Deputación de Zamora e o Concello de Zamora. O Goberno central lembrou no acto de inicio do despregamento que entre decembro de 2012 e maio de 2013, xa se levou a cabo en Zamora e no concello de Fuentesaúco unha proba piloto para analizar a coexistencia entre a TDT e a LTE (4G) no intre en que se comezasen a prestar os servizos móbiles de cuarta xeración na banda do Dividendo Dixital (790-862 Mhz).
Logo da proba piloto, que Industria cualificou de “exitosa”, comeza esta semana a liberación do Dividendo Dixital e o despregamento efectivo dos servizos 4G/LTE na nova banda de 800 Mhz. O proceso realizarase de forma progresiva a partir de hoxe e durará tres meses. En palabras do Goberno, “servirá de modelo para as actuacións que se desenvolverán durante a espallamento dos servizos de LTE/4G na banda de 800 MHz no resto de España a partir do 1 de xaneiro de 2015”. Industria tamén lembrou que arestora está a comezar a liberación en toda España da banda de 800 MHz (coñecida como Dividendo Dixital), ata agora ocupada polas canles de televisión de TDT, para que estea dispoñible para o despregamento da cuarta xeración de telefonía móbil a partir xaneiro de 2015.
A elección de Zamora para a posta en marcha deste proceso débese sobre todo a razóns técnicas: o seu actual uso de frecuencias radioeléctricas polo servizo de televisión resulta “óptimo”, sinala Industria, para permitir unha liberación moi rápida do dividendo.
O Goberno decantouse por Zamora para iniciar a liberación do Dividendo Dixital
Compartir Este Artigo
