
Co fin de facilitar a nosa concorrencia no programa, GAIN puxo en marcha un servizo de apoio para o que só teremos que encher un formulario dispoñible na web da axencia, unha enquisa que recolle datos básicos sobre a nosa actividade e o proxecto susceptible de ser presentado ao programa.
Unha vez recibida esta información, a axencia comprobará que as iniciativas cumpran os requisitos da convocatoria europea e fará unha selección daquelas 50 con meirande potencial de financiamento. Destes proxectos seleccionados, farase unha análise das aceleradoras que mellor lle acaian a cada un deles. Ao fío disto, GAIN lembra que as convocatorias de fondos artéllanse a través de 16 aceleradoras seleccionadas na anterior fase da iniciativa e que están especializadas en distintos sectores. A axencia tamén informa que, como remate, valorarase de xeito conxunto co solicitante “a idoneidade da presentación a cada unha das convocatorias posibles, revisándose o proxecto a presentar e/ou dándolle formación para a súa presentación”.
O programa europeo Future Internet Public Private Partnership (FI-PPP) acubilla as diferentes liñas de axuda que se están a presentar estes meses e pon a disposición das PEME e emprendedores 80 millóns de euros para o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores empregando a tecnoloxía despregada nas anteriores fases do programa (a de agora é a terceira convocatoria). O programa fornece distintas vertentes temáticas: eSaúde, enerxía e medio ambiente, Cidades Intelixentes, etc. A idea, polo tanto é apoiar a competitividade da industria de desenvolvedores de software e potenciar as ligazóns entre Internet, servizos innovadores e aplicacións públicas e sociais.
