O Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago organiza este venres a sesión divulgativa Videoxogos, promotores de illamento ou de irmandade?, unha xornada debate sobre os efectos que están a ter estes produtos de lecer dixital nas novas xeracións -ou non tan novas-, facendo fincapé nas posibilidades comunicativas (que as hai, e moitas) e tamén nos riscos derivados dun emprego inaxeitado. A sesión virá da man da videcreadora Dhaunae de Vir, e celebrarase na Facultade de Ciencias da Comunicación.
Dhaunae de Vir, que obtivo recoñecementos tan importantes como o premio BAFTA New Talent, reflexionará sobre “a incidencia dos videoxogos na nosa vida en sociedade, abranguendo desde o sexismo ata o duro ambiente que se atopa nos de competición, e pasando polas creacións para un só xogador que regresan logo da popularidade dos videoxogos en plataforma móbil”, informa a USC.
A sesión comezará ás 11:00 horas na Aula 0 da Facultade de Ciencias da Comunicación, e está organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da USC que traballa en cuestións relacionadas coas políticas de comunicación e cultura, os espazos xeolingüísticos de comunicación, a produción de contidos e as novas tecnoloxías, a programación e as audiencias.
Ciencias da Comunicación da USC acolle este venres unha xornada sobre os efectos dos videoxogos
Compartir Este Artigo
