Esta semana celébrase en Santiago un dos grandes acontecementos anuais do noso panorama de eventos TIC, en parte pola importancia dos relatores convocados, en parte pola riqueza e o alcance do fío temático que serve de columna vertebral: todo o amplo abano de novidades e cuestións de interese que xera a inclusión das novas tecnoloxías como motivo, detonante, marco ou ferramenta das investigacións policiais. Falamos da cuarta edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, que se celebrará en Santiago de Compostela o 10 de outubro. A cita, coma de costume, vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG).
Baixo o título A xustiza ante a sociedade 2.0. Móbiles, nube, redes sociais e Big Data, nesta nova edición do evento, o colexio profesional galego quere proseguir e ampliar a súa contribución ao incremento da eficiencia da administración xudicial, amosando aos xuristas os beneficios da incorporación e uso das novas ferramentas electrónicas nos procesos de seu e informando os avances en materia probatoria. A xornada desenvólvese na Cidade da Cultura de Galicia, sede da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que patrocina a súa celebración grazas a un convenio de colaboración asinado co CPETIG co obxectivo de formar aos profesionais da Administración de Xustiza no uso das TI e conciencialos sobre as súas potencialidades.
A sesión está encamiñada principalmente a achegar recursos e claves de traballo a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, ademais de enxeñeiros técnicos en informática, estudantes ou enxeñeiros informáticos.
Baixo a dirección técnica do avogado Víctor Salgado, a xornada contará coa participación de “destacados relatores”, informa o CPETIG. Por exemplo Eloy Velasco, xuíz da Audiencia Nacional que participou en anteriores edicións e desta volta falará do novo escenario xurídico-probatorio ante a ilegalización da directiva europea de conservación de datos.
Ademais, o responsable da conta de Twitter da Policía Nacional (@policia), Carlos Fernández Guerra, exporá o seu traballo de divulgación e prevención en materia de menores e redes sociais.
Raúl Siles, en palabras dos organizadores “un dos principais expertos do mundo en seguridade en redes informáticas”, analizará a inseguridade á que nos enfrontamos os usuarios de dispositivos móbiles e novas tecnoloxías.
Abrirá a xornada Jorge Campanillas, avogado especialista en dereito TIC que afondará na cuestión dos grandes datos e o dereito á privacidade e a proba electrónica. Jorge Martín, inspector xefe do grupo de análise de software da Comisaría Xeral da Policía Científica, relatará o labor forense da Policía Xudicial ante a nube e os dispositivos móbiles. Pola súa banda, Julián Valero-Torrijos, profesor de Dereito Administrativo, abordará o marco normativo da Lei de Xustiza Electrónica. Ademais un representante do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3) da Europol falará sobre a ciberdefensa ante as novas ciberameazas.
O CPETIG convoca este venres aos profesionais galegos das TIC e da Xustiza
Compartir Este Artigo
