A finais desta semana, o 9 e 10 de outubro, terá lugar en Florencia (Italia) un encontro de networking organizado pola Comisión Europea en colaboración coa presidencia italiana da UE, a Rexión da Toscana, o Municipio de Florencia e a Universidade de Florencia, trátase do ICT Proposers” Day Europeo. Estamos perante unha das citas máis relevantes no marco de H2020, unha gran oportunidade para consolidar consorcios europeos entre centros tecnolóxicos e de investigación, grupos de interese industrial, empresas e actores gobernamentais de toda Europa. Salientar a presenza galega nesta xuntanza italiana, pois tres representantes do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións) asistirán a relatorios transversais, presentarán propostas en distintos eidos e entrevistaranse con máis de 20 entidades europeas.
O CITIC -como centro tecnolóxico impulsado pola Universidade da Coruña- participará xunto a outras 79 entidades procedentes de España (dun total de 822 de toda Europa) nun evento que se centrará no programa de traballo de Horizonte 2020 no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións para o ano 2015.
En que constará o ICT Proposer”s Day? Serán dous días de charlas informativas, casetas sobre vindeiras convocatorias europeas, sesións de networking de acordo aos alicerces e temas do programa de traballo de 2015, espazos para reunións bilaterais, obradoiros, etc.
En canto ao CITIC, dicir que asistirán ao ICT Proposer”s Day: Bertha Guijarro Berdiñas (vicecoordinadora responsable científica do centro), Marta Núñez (responsable da Oficina de Proxectos e Calidade) e Manuel F.G. Penedo (responsable da área tecnolóxica de Procesado de Imaxes Dixitais). Máis dunha vintena de entrevistas con entidades de toda Europa -empresas, universidades e centros tecnolóxicos TIC ou Clústers-, procedentes de Irlanda, Reino Unido, Francia, Holanda, Alemaña, Repúblicas Bálticas, República Checa, Malta e Chipre, estarán tamén presentes.
Asemade, asistirán a relatorios transversais sobre: Proposal Making, Finantial Support e International Cooperation. O CITIC abranguerá 4 ou 5 propostas dos ámbitos das grandes bases de datos, o ensino telemático e as tecnoloxías que o fan posible, a eSaúde e a seguridade , entre outros temas.
O ICT Proposer”s Day de Florencia contará cun participante galego, o CITIC
Compartir Este Artigo

