A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) publicou os días pasados novos retos tecnolóxicos no caderno de seu, blog.adg2020.es, ao abeiro da campaña para mobilizar á cidadanía á hora de dar forma á Axenda Dixital de Galicia 2020. Os novos desafíos, un total de tres, súmase aos dous que abriron este verán a campaña do dito blog, unha iniciativa para permitir a máxima colaboración entre AMTEGA e a sociedade galego no camiño de atopar as medidas TIC máis acaidas para a nosa terra. Ou sexa, as medidas que máis contribúan a mellorar estes ámbitos: cidadanía, servizos públicos, empresas, educación e sectores primarios. Os tres novos desafíos son os seguintes: Como aplicarías a tecnoloxía para mellorar a educación do futuro?, Que farías para aumentar o uso das novas tecnoloxías nas empresas? e Que novas solucións tecnolóxicas proporías para modernizar os sectores primarios de Galicia?
Co obxectivo de fomentar a participación nos novos retos relacionados co tecido empresarial creáronse dous debates sobre o tema no grupo de Linkedin da AMTEGA. A presenza en Linkedin desta iniciativa súmase á difusión que xa se vén facendo en Facebook e Twitter.
Segundo informa a axencia, entre o 28 de xullo e o 15 de setembro recolléronse preto de 50 achegas aos dous primeiros desafíos formulados A que servizos públicos che gustaría acceder a través da Internet? e Que farías en materia de accesibilidade dixital para que todas as persoas poidan facer uso dos servizos públicos dixitais?
Administración electrónica, sanidade, educación e mobilidade foron as temáticas máis destacadas polos participantes en canto ao grao de mellora dos servizos públicos grazas ao emprego das novas tecnoloxías. Asemade, a accesibilidade web, promover a alfabetización e capacitación dixital e facilitar o acceso ás novas tecnoloxías foron as temáticas máis comentadas en materia de accesibilidade dixital.
Desde finais de xullo o blog.adg2020.es está aberto ás achegas e propostas de toda a sociedade galega aos desafíos formulados e á participación nos foros de discusión sobre os mesmos así como ao envío de calquera suxestión a través do mail adg2020@xunta.es.
Tres novos retos para a campaña de participación social que alenta a Axenda Dixital de Galicia 2020
Compartir Este Artigo
