A empresa galega CO2 Smart Tech, con sede en Oleiros e especializada no desenvolvemento de sistemas avanzados de control e xestión enerxética en liña, está estes días a participar no evento Conxemar, edición 2014 da Feira Internacional de Produtos do Mar e Conxelados que se celebra ata este 9 de outubro no IFEVI de Vigo. O cometido principal de CO2 Smart Tech neste macroencontro empresarial do sector do mar é, en termos xenéricos, amosar un novo caso de colaboración TIC con sectores externos. En termos concretos, trátase de expoñerlles ás empresas do mar as posibilidades do sistema co2st-tem, unha ferramenta para o aforro e redución de custes. Por certo que o sistema vén con novidades: aplicacións móbiles específicas para tablets que, sincronizadas cunha aplicación na nube, permiten actuar sobre as instalacións de xeito remoto.
Volvendo ao miolo de co2st-tem, dende CO2 Smart Tech, informan que se trata en boa medida dunha iniciativa para axudar ás nosas empresas a iniciarse no control e xestión de consumos e custes de subministros de auga, electricidade e gas mediante unha software de balde dispoñible e operable na nube. “Grazas a un dos módulos deste software”, engaden os responsables de CO2 Smart Tech, os usuarios disporán “dun sistema de xestión de seu que lles permitirá detectar erros de facturación, dispor de indicadores de evolución de consumos e comparar ofertas de subministro enerxético”.
A empresa tamén salienta que se trata dunha ferramenta aberta e flexible, que se adapta ao modelo de xestión de recursos de cada organización e que ten como obxectivo último e fundamental contribuír a que todos melloremos en eficiencia e reducir o impacto no medio ambiente. Para acceder a este software é preciso rexistrarse na ligazón www.co2st.es/registro/. O software fornece dun recurso de axuda que facilita o manexo da ferramenta.
CO2 Smart Tech presenta un software para iniciar ás empresas na xestión eficiente de recursos
Compartir Este Artigo
