A Universidade de Vigo está a presentar os detalles da súa nova aventura en materia de tecnoloxía aeroespacial, a terceira xa. Falamos do proxecto FemtoXat e do aparello do mesmo nome, un trebello de entre 300 e 325 gramos fabricado integramente na UVigo mediante impresión 3D en metal e polímero e que ofrece compatibilidade parcial co estándar cubesat, o que abriría as portas a unha inxección en órbita mediante os mesmos dispositivos empregado para os cubesats. Segundo informa a UVigo, estas características unidas a unha miniaturización extrema dos compoñentes de seu, electrónicos e mecánicos, “fan do FemtoXat un satélite único no mundo”.
Este aparello, engade a institución académica galega, comezou a coller corpo no ano 2011. Está previsto envialo ao Espazo nunha órbita LEO de aproximadamente 600 quilómetros de altura, na segunda metade de 2015. “Nin en España, nin no mundo existe outro satélite como FemtoXat”, engade José Antonio Vilán, investigador principal do proxecto, coordinado por Fernando Aguado, responsable do agrupamento Aeroespacial da Universidade, que asegura que “hai algúns semellantes, pero non comparten o concepto de FemtoXat, que pretendemos que sexa lanzado utilizando a tecnoloxía que se emprega para os cubesats sen necesidade de cambiar absolutamente nada”.
Arredor de 15 persoas, integradas nos grupos de Radiocomunicación e Informática, Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Informática, das escolas de Telecomunicación, Industriais e Informática da Universidade de Vigo, traballan neste proxecto, que neste intre atópase na fase C, “a fase crítica en canto a deseño e onde se decide a configuración final do satélite”, explica Vilán. Logo disto, engade, “procederase á fabricación dos modelos de voo, comprobarase que todo funciona correctamente e, se unha vez integrado e testado, todo está perfecto, procederíase ao seu lanzamento”. Por certo que unha das finalidades de FemtoXat é a de formar parte como repetidor da rede Humsat, posta en marcha en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea co obxectivo de fomentar as capacidades no sector espacial, sobre todo en países emerxentes. Con todo, hai outro obxectivo fundamental: aproveitar o coñecemento adquirido durante estes anos de traballo e desenvolver unha plataforma propia para o segmento espazo, barata de construír e de poñer en órbita e que se poda converter no futuro nunha plataforma sobre a que podan aprender novos estudantes e egresados.
A UVigo salienta as características únicas do seu novo satélite, o FemtoXat
Compartir Este Artigo
