Esta semana celébrase en distintas localidades estatais o que semella ser un dos grandes eventos TIC da tempada, sobre todo polo que ten de fornecedor de oportunidades posibles de financiamento para as nosas empresas do sector. Falamos do evento multisede FIWARE, que contará coa participación de máis de 400 PEME, profesionais e emprendedores. Celebrarase nas Palmas de Gran Canaria, en Sevilla e en Valencia, do 15 ao 17 de outubro. O encontro complementarase “cun amplo programa de actividades paralelas”, informa a organización. Estas actividades inclúen as finais de dous retos de programación FIWARE, que se celebran desde o luns en Sevilla e As Palmas, e a Startup Weekend de Valencia, a fin de semana.
A inauguración do evento desenvolverase o mércores, día 15, ás 10 (hora peninsular), e contará coa presenza, a través de vídeo, do Ministro de Industria, José Manuel Soria. A axenda prevista para a primeira xornada prevé a celebración de tres mesas con proxectos aceleradores, nos que intervirán, desde as distintas cidades, as once iniciativas de impulso empresarial con presenza española. Abordaranse entre outras cousas as posibilidades do programa da Comisión Europea FIWARE Accelerator, que destina 80 millóns de euros ao financiamento de PEME e emprendedores, para desenvolver proxectos baseados na tecnoloxía FIWARE.
Ao día seguinte, abrirase cunha mesa redonda sobre o potencial e a estratexia da dita plataforma, para continuar con distintos relatorios sobre as aplicacións de FIWARE en procesos industriais, no sector turístico e en Cidades Intelixentes. Xa pola tarde, celebrarase unha conferencia sobre financiamento a través de programas europeos e capital privado. “Participarán múltiples expertos e representantes institucionais e do sector TIC”, engaden os organizadores. A axenda completa multisede pode consultarse en Internet, no portal de FIWARE. Tanto a inauguración como as sesións multisede poderán seguirse tamén a través de streaming, no mesmo portal.
As xornadas están a ser organizadas polo Ministerio de Industria a través de Red.es en colaboración coas cidades e universidades implicadas, e entidades como AMETIC, CDTI e a plataforma tecnolóxica es.INTERNET, integrada por empresas, centros de I+D e universidades.
Respecto de FIWARE, dicir que é un proxecto que ten a súa raizame no intre en que a Comisión Europea a boa parte das principais empresas TIC europeas xuntaron forzas en 2011 para situar a Europa nunha posición de liderado no ámbito da Internet do Futuro (Future Internet PPP – FI-PPP). FIWARE constitúe polo tanto a columna vertebral do programa FI-PPP e xorde co obxectivo “de crear un ecosistema aberto ao redor da tecnoloxía e os datos, a través do desenvolvemento dunha plataforma estándar (FIWARE) que ofrece un conxunto de APIs (Interfaces de Programación de Aplicacións) que facilitan o desenvolvemento de aplicacións, con especificacións abertas”.
Até 400 PEME e profesionais participarán esta semana no evento multisede FIWARE
Compartir Este Artigo
