Este xoves 16 de outubro o Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña) acollerá da man da Factoría da Innovación da Coruña unha nova xeira de divulgación tecnolóxica sobre recursos de interese para as nosas empresas e para os nosos profesionais. Desta volta, é a quenda dos drons, aparellos aéreos non tripulados que están a ser usados xa por un número importante de empresas con múltiples finalidades: rexistro da contorna xeográfica, publicidade ou mesmo reparto de mercadorías. A cita será ás 18.00 horas e desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Innova utilizando drons.
“O obxectivo”, sinala a Factoría, “é dar a coñecer esta nova tecnoloxía e vehículos aéreos non tripulados e o seu funcionamento, analizar a situación actual do sector e achegar unha visión global das oportunidades que ofrece o uso destes dispositivos ás PEME”. Tamén se pretende abordar as cuestións máis salientables da normativa vixente sobre o seu emprego. A xornada concluirá cunha demostración práctica do funcionamento dos drons, por parte da empresa Aerial Works.
A participación nesta sesión (así como en todas as actividades organizadas pola Factoría de Innovación da Coruña), é de balde. Os interesados deben realizar a súa inscrición a través da páxina web ou enviando un correo electrónico.
Programa da xornada
17:45h Rexistro de asistentes e presentación da xornada
18:00h Situación do Sector: dos Aeromodelos aos RPAs.
Miguel Ángel García. Presidente do Club As Gaivotas
18:30h Aplicacións Civís dos Drons: Ámbito Normativo.
Ángel del Real. Responsable de Adestramento de Tripulacións. Swiftair.
19:00h Aproximación real á teledetección de alta resolución con vehículos aéreos non tripulados.
Juan Moya. Responsable do departamento VANT. Zumain Enxeñeiros
19:30h Demostración práctica
José Manuel Miranda. Aerial Works.
20:00h Peche da xornada
