
A súa carreira profesional, ligada a empresas tan salientables no noso panorama TIC como Iterdata Networks (consultoría, deseño de software e integración de servizos tecnolóxicos), compleméntase cun importante labor divulgador extra-empresarial, un longo camiño de iniciativas de desenvolvemento e difusión das novas canles e ferramentas en Galicia, iniciativas postas en marcha en cooperación con institucións públicas e organismos.
Con Gil Bernárdez á cabeza da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia leváronse a cabo iniciativas tan innovadoras e pioneiras como o Proxecto Teleconews (un servizo da AETG para levar información TIC de actualidade, mediante correo electrónico, a entidades e profesionais da nosa terra) ou o Observatorio das TIC, creado na década dos noventa para avaliar a situación das novas ferramentas na nosa contorna e potenciar a súa presenza entre o noso tecido produtivo. A maiores, a AETG e o equipo de Gil Bernárdez impulsaron destacables achegas formativas ao servizo dos enxeñeiros e dos futuros profesionais, postas en marcha ombro con ombro con diversas actividades educativas (as nosas universidades por exemplo) e centradas en ámbitos como a normativa de infraestruturas de telecomunicacións ou administracións de sistemas de software libre ou software propietario. Lembrar tamén que con Gil Bernárdez consolidouse a gran cita dos nosos profesionais do sector, a Noite Galega das Telecomunicacións, que agora chega á súa edición 19 e que, malia as lóxicas e naturais transformacións acontecidas ao longo das súas case dúas décadas de historia, segue a ser un encontro ineludible para as e os representantes do sector galego e estatal das telecomunicacións.
Gil Carlos Bernárdez recibirá na Noite das Telecomunicacións o premio Enxeñeiro do Ano
Compartir Este Artigo
