A sesión de hoxe do Senado careceu de sorpresas e grazas aos 132 votos a favor do PP aprobouse a reforma parcial da Lei de Propiedade Intelectual, rexeitándose as 6 propostas de veto, e remitíndose agora o texto ao Congreso dos Deputados, para a súa ratificación e onde non poderá modificarse, de xeito que entraría en vigor a partires do mes de xaneiro de 2015 (bastantes meses antes do agardado) e non só incrementaría as sancións que pode impor a Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual, que tamén verase reforzada, senón que tamén inclúe a polémica taxa Google ou canon AEDE, que penaliza a agregación de novas na Internet, e que podería levar ao peche de Google News en España.
Agárdase que a lei pase polo Congreso a vindeira semana, para publicarse despois no BOE, tras o que xa entrarían en vigor os artigos relativos á Comisión de Propiedade Intelectual contra a piratería a través da Internet.
O novo texto non só ten repercusión na Internet, senón que tamén muda elementos da propiedade intelectual como incrementar a duración dos dereitos de autor de fonogramas de 50 a 70 anos, e tamén limítase a 10 o número de veces que pode reproducirse unha obra no ámbito científico e académico (cando ata o momento era ilimitado). Estamos ante unha serie de modificacións que parecen ir en liñas xerais a favor da propiedade intelectual e en contra dos consumidores, aos que cada vez limítaselle máis o seu acceso aos contidos, o que parece unha reforma lexislativa que nega a realidade actual, adiando unha vez máis a necesaria reforma integral da Lei para adecuala ao contorno dixital.
O Senado aproba a reforma da Lei de Propiedade Intelectual
Compartir Este Artigo
