Os profesionais do social media en Galicia teñen mañá unha cita ineludible no Audiotorio Municipal de Cangas, onde se fará entrega dos Premios MexilOnseTuits, que este ano chegan á súa terceira edición, servindo así para salientar a riqueza e o nivel que este eido está a acadar na nosa comunidade. Oito son as categorías premiadas, pero o evento non se limitará a ser unha mera entrega de premios, senón que tamén estará arroupado polos profesionais Frankie Gómez e Eduardo García Erquiaga, que impartirán sendos relatorios para enriquecer a sesión matinal que tamén contará cunha mesa redonda na que participarán parte dos membros do xurado para discutir sobre a situación actual do sector en Galicia.
A gala estará conducida por Ana Celia Vázquez, presentadora de O Tempo na TVG, e será un excelente punto de encontro para numerosos profesionais dos medios sociais galegos, o que reforzarase nun xantar networking que contará cunha boa mostra gastronómica da man de Pintxos de Cris (marca de comida gourmet de Casa Quintela) e con sobremesas elaboradas pola célebre Merchi Rodal, coñecida polo grande público polas súas intervencións no programa Larpeiros da TVG, experiencia que incluso a levou a publicar un libro de grande éxito.
Tras o xantar a publicista Raquel Lemos unirase cunha en ioga para sorprender aos asistentes cunha sesión de branding ioga que pechará as actividades en terra, para que ás 17:00 horas poida iniciarse unha travesía en barco pola ría que permitirá ver dende a auga o impresionante transatlántico Oasis of the Seas.
O social media de Galicia recibirá mañá os seus premios en Cangas
Compartir Este Artigo

