Teléfonica deu conta hoxe do estado de cousas dos seus traballos de despregamento de fibra FTTH nos polígonos da cidade de Lugo, un parte informativo que cómpre sumar ao referente a Santiago recentemente emitido. Segundo fai saber a operadora, unha parte moi considerable das empresas da Cidade da Muralla, emprazadas nos polígonos do Ceao e das Gándaras, ten xa ao seu alcance a tecnoloxía de Fibra Óptica Até o Fogar (FTTH polas súas siglas en inglés). Falamos en total de 658 firmas, “o que supuxo a instalación de case 20.000 metros de fibra e 247 puntos de conexión óptica”, explica a compañía, que tamén engade que se instalaron ou adaptaron 66 arquetas e máis de 200 postes. Todo iso supuxo un investimento aproximado de 250.000 euros.
Para a empresa española de telecomunicacións, non cabe dúbida de que estes traballos van permitir o acceso “á tecnoloxía de transmisión de datos máis rápida e eficiente do mercado”. Neste senso, Telefónica destaca que a FTTH de seu ten a particularidade de que é quen de chegar ata as propias oficinas das empresas, ou sexa, explica, “que non se emprega cobre ou coaxial no último treito e, por tanto, non existe perda de velocidade”. E engade: “Ten un ancho de banda ilimitado e simetría na baixada e suba de datos, ademais dunha gran estabilidade e unha taxa de avarías moi baixa con respecto a calquera outra tecnoloxía”.
Telefónica tamén lembra que investirá en Galicia este ano 48 millóns de euros en infraestruturas de última xeración e ao final de ano levaría fibra óptica ata o fogar a 351.844 vivendas galegas e zonas industriais.
Telefónica investiu 250.000 euros en dotar de FTTH aos polígonos de Lugo
Compartir Este Artigo
