Finalmente rematou o pasado venres a sexta edición das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI) de Vigo, unha edición que conseguiu xuntar baixo un mesmo teito, o achegado polo centro social AFundación (Abanca), ata medio milleiro de estudantes e uns 300 profesionais do sector das novas tecnoloxías da información, a robótica, a intelixencia artificial e a enxeñería industrial nas súas máis variadas manifestacións. Foron cinco días para dar conta dos máis interesantes avances dados en todos estes sectores a nivel internacional, estatal e galego. Pola nosa terra, participaron (entre outros) os investigadores dos centros tecnolóxicos Gradiant e Aimen, que presentaron os seus traballos recentes en realidade aumentada e en robótica asistencial, respectivamente.
Entre os relatores máis salientables da recta final das xornadas sen dúbida atopouse Aníbal Ollero, enxeñeiro e catedrático de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidade de Sevilla, arestora un dos meirandes especialistas en sistemas aéreos non tripulados, incluídos os aparellos que dun tempo a esta parte se coñecen como drons, de gran potencial para carretar obxectos a emprazamentos afastados ou de difícil accesibilidade ou mesmo para contribuír á construción de infraestruturas de gran complexidade e situadas a grandes alturas. En Vigo, Ollero falou entre outras cousas das iniciativas que lidera o seu equipo de investigadores, como por exemplo o proxecto ARCAS, que consiste en experimentar coas capacidades e utilidades dos drons para levar obxectos de calquera índole cara a lugares afastados ou de orografía complicada. Nesta liña, o equipo que dirixe Ollero deseñou un helicóptero non tripulado que inclúe, entre outras cousas, unha extremidade de gran capacidade de movemento para carretar e mover todo tipo de material.
Xa nun nivel máis xenérico, sinalar que as JAI acubillaron durante cinco xornadas máis dunha trintena de relatorios. Foron, ademais, intervencións de alto nivel, da man de profesionais de empresas como PSA Peugeot Citroën, ABB, Siemens, Schneider, Omron, Rockwell Automation ou Bosch, así como de centros tecnolóxicos galegos como os devanditos Gradiant, Aimen ou CTAG e institucións académicas.

Lembrar tamén que as JAI serviron de escenario para que PSA Peugeot Citroën afondara nas particularidades do seu coche conectado (do que falamos en Código Cero salientando as contribucións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia -CTAG- e do obxectivo do proxecto: un vehículo intelixente que sexa quen de dialogar e interactuar co condutor á hora de resolver todo tipo de complexidades na estrada). Ademais, ITGlas amosou en detalle as presentes e vindeiras aplicacións das Google Glass no ámbito das aplicacións industriais, e a Universidade de Vigo e os seus investigadores desvelaron detalles sobre o satélite FemtoXat (a través da impresora que se emprega para dar forma ás súas pezas).
Fisiorob
Un dos proxectos máis rechamantes desta edición foi sen dúbida o proxecto Fisiorob, do centro Aimen, do que falamos recentemente en Código Cero. Trátase dun robot colaborativo que actúa nos procesos de recuperación fisioterapéutica. É froito da colaboración entre POVISA, a firma galega Balidea e a Universidade de Vigo, entre outras entidades, e o seu obxectivo desenvolver unha solución baseada na combinación da robótica con contornas virtuais de rehabilitación, para o seu uso na recuperación da mobilidade das extremidades superiores de pacientes con necesidade de rehabilitación neuromotora.
Gradiant
Igualmente, puidemos observar o funcionamento de dous proxectos desenvolvidos por Gradiant. O primeiro deles é un sistema de localización en interiores que, a través de balizas e un localizador permite triangular a posición do que queiramos nun espazos pechado empregando unha tecnoloxía de baixo custe. O centro tecnolóxico achegará tamén outro proxecto de realidade aumentada ou animación sobre realidade que ten utilidade, por exemplo, en tarefas de mantemento industrial.
Case un milleiro de profesionais e estudantes participaron na sexta edición das Xornadas de Automatización Industrial
Compartir Este Artigo
