
Para comezar, ademais do que nos afecta estes días, haberá un novo proceso de reantenización da TDT no futuro; a maiores produciranse interferencias entre TDT e 4G a partir do 1 de xaneiro de 2015. Os responsables da cita en Compostela, a empresa SES Astra, tamén sinala que é máis que previsible que se convoque un novo concurso público para levar a TV a zonas rurais da nosa terra. Estes e outros temas serán os eixes temáticos da xornada, un encontro que contará coa presenza de Luís Sahún, director xeral de SES Astra en España, que manterá un encontro cos medios de comunicación (arredor das 11.00 horas) antes do seminario que todos os anos reúne aos instaladores de telecomunicacións da zona.
A compañía explicará como afectarán ao audiovisual galego os diferentes procesos de reantenización e Dividendo Dixital (o primeiro agora en marcha e o segundo previsto para 2018 aproximadamente) e as interferencias entre servizos de TDT e 4G que terán lugar a partir do un de xaneiro de 2015. SES exporá tamén as súas intencións de presentarse a un novo concurso público, se se convocará en Galicia, para levar a televisión a zonas remotas e pouco poboadas da nosa xeografía tras a decisión da Comisión Europea de declarar “ilegais e incompatibles” (podemos ver a declaración completa en PDF) as axudas destinadas no seu día a este servizo, “xa que non eran neutrais dende o punto de vista tecnolóxico nin foron comunicadas a Bruxelas”, anuncia a compañía.
Por último, a través dunha pantalla en Ultra Alta Definición (multiplica por 4 as capacidades a Alta Definición actual), SES explicará as últimas previsións de mercado do que cualifica como “o vindeiro chimpo cualitativo da televisión”.
SES Astra amosa este martes en Santiago as oportunidades e atrancos que deixa o Dividendo Dixital
Compartir Este Artigo
