As pequenas e medianas empresas teñen que competir cada día nun ámbito máis globalizado, onde a calidade dos seus produtos así como o seu grao de innovación é moi importante para o éxito. O emprego de recursos computacionais para a simulación dos procesos de desenvolvemento ou para a análise de grandes volumes de datos é unha ferramenta poderosa para mellorar a competitividade. Co obxectivo de facilitar que estes recursos estean dispoñibles para as empresas, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), atendendo a unha das súas principais razóns de ser (axudar ás PEME da contorna), aliñouse coa iniciativa Factorías do Futuro da Unión Europea, que entre outras cousas busca a incorporación dos recursos de cálculo e computación ao tecido produtivo, recursos considerados polos impulsores desta iniciativa como “esenciais”.
Dentro deste marco de actuación nace o proxecto Fortissimo, do que xa temos falado en Código Cero, por exemplo para salientar (este ano) unha achega de 2.000.000 euros de financiamento para colaborar no devandito. Dos 50 experimentos que acubilla, a quinta parte están en execución no CESGA.
Segundo nos lembra estes días o CESGA, Fortissimo é un proxecto colaborador que permitirá que as PEME europeas sexan máis competitivas a nivel mundial, mediante o uso de servizos de simulación executados nunha infraestrutura Cloud HPC. O proxecto, financiado pola Comisión Europea dentro do 7º Programa Marco, e parte da Iniciativa I4MS, está coordinado pola Universidade de Edimburgo e involucra 45 socios de 14 países, entre os cales se encontra o CESGA. O proxecto executará máis de 50 experimentos liderados polas PEME, dos cales dez teñen a súa sede no ámbito estatal (España é o país con meirande número deles), grazas precisamente o papel despregado polo CESGA. Son os que citamos a continuación:
· Deseño mecánico mellorado de bridas metálicas
O obxectivo do experimento é estudar e predicir o comportamento das bridas durante o proceso de aperte. As bridas son elementos que unen pezas metálicas como canalizacións de gas de alta presión. O proceso de aperte realízase en pasos. Estes pasos execútanse ata que se acada a tensión final desexada. O experimento desenvolverá un frontend para estudar varios casos de aperte e atopar o método máis barato e efectivo. O experimento utilizará o software Code_Aster. PEME participantes: Texas Controls (www.texascontrols.com)
· Plataforma de optimización baseada na nube para o reforzo das industrias de corte do aceiro
O experimento establecerá un software como servizo baseado no Cloud HPC de Fortissimo para optimizar a fabricación (número, tipo, secuencia) de pezas de aceiro para edificios, dando soporte aos clientes na industria de corte do aceiro. O servizo estará baseado no código de simulación Optimo, que é unha optimización aleatoria que utiliza os métodos de Recocido Simulado e de Monte Carlo.
PEME participantes: Schnell Software (www.schnellsoftware.com)
· Deseño mellorado e optimizado de chemineas concéntricas con gases de escape de alta temperatura
O obxectivo deste experimento é optimizar o deseño de chemineas concéntricas con gases de escape de alta temperatura, empregando un ámbito de simulación HPC baseado na nube para realizar a análise numérica da convección natural e forzada de gases con alta turbulencia e ensamblado térmico, usando a dinámica de fluídos computacional.
PEME participantes: Dinak (www.dinakchimeneas.com)
· Plataforma HPC baseada na nube para a conversión de mapas
O experimento ofrecerá un servizo baseado no Cloud HPC para a transformación de mapas xeográficos en diferentes formatos e resolucións a un formato de coordenadas regular XYZ usando interpolación Kriging. Tamén apoiará a interpolación de mapas en áreas carentes de información. PEME participantes: Enxeñaría e Control Electrónico (www.ingenieriaycontrol.es), Sisener Enxeñeiros (www.sisener.com)
· CastINCloud – Servizos no Cloud sostibles para proporcionar simulacións de fundición de alto rendemento ás PEME
CastINCloud desenvolverá e validará unha capa de servizo de software de simulación para simulacións de fundición avanzadas. O experimento construirase de forma flexible sobre os provedores Cloud HPC existentes e ofrecerá deseño e simulación da fundición ás PEME baixo un servizo de pagamento por uso.
Empresas participantes: Quantech ATZ (www.quantech.es), Fundicións de Roda (www.fundicionesderoda.es)
· Simulación multifísica de dispositivos supercondutores de alta temperatura
Os supercondutores de alta temperatura (HTS) son ideais para o desenvolvemento de cables supercondutores de baixa perda de CA/CC e xeradores eléctricos pequenos, eficientes e lixeiros. En todas estas aplicacións, o coñecemento cuantitativo dos parámetros de deseño esenciais debe ser proporcionado por unha ferramenta HPC dada a forte natureza non lineal, multi-escala e multifísica do problema. O experimento adaptará o software de simulación para a súa execución no Cloud HPC de Fortissimo como un servizo para o fabricante HTS usuario final. Empresas participantes: Oxolutia (www.oxolutia.com)
· VIC4CAM – Experimentación de servizos de simulación HPC de Metroloxía Virtual para o control do proceso de produción da PEME na fabricación sostible e competitiva da árbore de levas
VIC4CAM pretende ofrecer novos servizos de simulación HPC de Metroloxía Virtual para a detección temperá de defectos e desviacións. Este servizo xerará información cuantitativa útil para a optimización da fabricación da árbore de levas, permitindo aos usuarios finais acadar un control da calidade dimensional do 100%. PEME participantes: Unimetrik (www.unimetrik.es), Datapixel (www.datapixel.com), Engine Power Components Group Europe (www.engpwr.com
· StamHPC – Computación de altas prestacións para a industria de estampado do metal
O principal resultado de StamHPC será unha nova solución de software baseada no Cloud HPC, permitindo á industria de estampado do metal resolver problemas de simulación do conformado da chapa metálica doadamente. Empresas participantes: Quantech ATZ (www.quantech.es), Matrici (www.matrici.com)
· HPC-SHEAKS – Sistema HPC habilitado para o deseño mellorado da resposta e mantemento de estruturas marítimas
O experimento HPC-Sheaks pretende demostrar a utilidade das ferramentas HPC para os estudos da resposta de estruturas marítimas utilizando as ferramentas máis avanzadas. Isto farase mediante a creación dun servizo profesional no Cloud HPC, pasando da tradicional reserva de tarefas/consultas, cara a un efectivo aprovisionamento da máquina baixo demanda, mantendo os criterios de usabilidade no mesmo nivel de calidade que na súa execución nunha estación de traballo local. Empresas participantes: Compass Ingeniería e Sistemas (www.compassis.com), Vicus Desarrollos Tecnológicos (www.vicusdt.com), WavEC – Offshore Renewables (www.wavec.org).
· FLASH – Habilitando a avaliación da fatiga de vida no Cloud HPC para as PEME
O principal obxectivo do experimento FLASH é desenvolver, validar e demostrar un servizo one-stop-shop doado de usar para o cálculo da fatiga de vida utilizando recursos Cloud HPC. Para este propósito, o código comercial RamSeries será optimizado para infraestruturas HPC seguindo un novo enfoque que aproveita a natureza estatística da avaliación da fatiga de vida. O obxectivo final é integrar eficientemente as infraestruturas HPC dispoñibles co software de cálculo da fatiga estrutural, e permitir o acceso das PEME europeas a estes recursos.
Empresas participantes: Isonaval (www.isonaval.net), Compass Ingeniería e Sistemas (www.compassis.com)
O CESGA participa na execución de dez experimentos do programa europeo Fortissimo
Compartir Este Artigo
