O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) vén de asinar un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo) para favorecer e impulsar o recoñecemento académico da experiencia profesional na área da Enxeñería Técnica Informática avalada polo CPETIG a través do seu servizo CEPRAL, un servizo do que xa temos falado dende Código Cero destacando que se trata dun sistema para que os profesionais da informática poidan dispor dunha certificación colexial de recoñecemento obxectivo da súa experiencia profesional demostrable, froito da súa actividade laboral e formación académica.
Desde xeito, cun único documento poderán acreditar ante terceiros a súa experiencia profesional de maneira fidedigna. Lembrar tamén que o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) é o primeiro organismo da comunidade galega que ofrece a certificación da experiencia profesional nas actividades propias da enxeñaría técnica informática mediante o servizo CEPRAL (Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais).
Volvendo á sinatura do convenio, dicir que se celebrou na mañá deste martes no salón de graos da Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) do Campus de Ourense, e no acto participaron Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Marcos Mata Mansilla, presidente do CPETIG. Grazas ao convenio, os estudantes da UVigo que conten cun certificado CEPRAL poderán convalidar esa experiencia por créditos para as titulacións de informática. A Universidade de Vigo convértese tras esta firma na primeira Universidade de Galicia en aceptar estes certificados, tras a sinatura do acordo coa Universidade Oberta de Cataluña o pasado outubro. Nas vindeiras semanas está previsto formalizalo tamén coas Universidades de Santiago e A Coruña.
O CEPRAL
O CEPRAL é un servizo de Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais. O presidente do CPETIG, Marcos Mata, explicou aos asistentes que este servizo “xurdiu para posibilitar aos profesionais obter una certificación da súa experiencia profesional nas actividades propias da enxeñaría técnica informática”. E engadiu: “Cun único documento os profesionais poden acreditar ante terceiros a súa experiencia profesional de maneira fidedigna, co respaldo dunha institución coma o CPETIG”.
Ademais do beneficio académico, os certificados CEPRAL facilitan aos técnicos da enxeñería informática a acreditación dos seus coñecementos e capacidades ante as empresas, de cara a afrontar un proceso de selección, ofrecéndolles un sistema de medición obxectivo.
Os certificados que emite o CPETIG a través do servizo CEPRAL baséanse en perfís profesionais. Nestes momentos están definidos e habilitados 10 perfís profesionais como administrador de bases de datos, xestor de proxectos ou administrador de redes. O Comité CEPRAL, integrado arestora polos Colexios de Cataluña e Galicia, traballa na definición de novos perfís como desenvolvemento para dispositivos móbiles ou análise informático forense.
O CPETIG e a UVigo facilitarán o recoñecemento da experiencia profesional en Enxeñaría Técnica en Informática
Compartir Este Artigo
