O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) vén de asinar un acordo de colaboración coa Universitat Oberta de Catalunya (UOC) para o recoñecemento académico da experiencia profesional na área da Enxeñería Técnica Informática avalada polo CPETIG a través do seu servizo CEPRAL. Este, como lembraremos, é unha ferramenta que permite aos profesionais solicitar ao Colexio un certificado da experiencia profesional nas áreas propias da Enxeñaría Técnica Informática. “Cun único documento, podemos acreditar ante terceiros a nosa traxectoria e bagaxe laboral de maneira fidedigna, co respaldo dunha institución coma o CPETIG”, sinala a entidade galega que preside Marcos Mata.
Volvendo ao convenio, dicir que posibilitará que os estudantes que conten cun certificado CEPRAL do CPETIG poidan convalidar esa experiencia por créditos para as titulacións de Informática que cursen na universidade a distancia. A universidade catalá ofrece aos alumnos o Recoñecemento Académico da Experiencia Profesional (RAEP) en forma de créditos para a obtención dos seus títulos oficiais dende 2012. “Con este convenio”, sinalan fontes do Colexio galego, “o CPETIG dá un paso máis no recoñecemento das competencias profesionais dos técnicos, fosen estas adquiridas grazas á súa formación académica ou co traballo diario”. En opinión da entidade que preside marcos Mata, por mor da xuventude da disciplina da enxeñaría e da gran demanda de profesionais, “un elevado número destes non dispoñen da titulación pero si dos coñecementos precisos para desempeñar a súa profesión”.
En liñas xerais, o sistema CEPRAL implantouse na nosa terra da man do CPETIG para corrixir unhas eivas ben concretas: as serias dificultades que atopan no seu camiño boa parte dos nosos profesionais para demostrar e amosar as súas experiencias profesionais de xeito claro e preciso. Co dito sistema, permítese que cun único documento poidan acreditar ante terceiros a súa experiencia profesional de maneira fidedigna.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) é o primeiro organismo da comunidade galega que ofrece a certificación da experiencia profesional nas actividades propias da enxeñaría técnica informática mediante o servizo CEPRAL (Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais).
A iniciativa desenvolveuse previamente xa polo COETIC (Collegi d’’Enginyeries Tècniques en Informàtica de Catalunya). Con ela, o CPETIG tamén tenta facer visibles as capacidades dos nosos profesionais e, sobre todo, abrir oportunidades de desenvolvemento profesional.
Igualmente, o CPETIG (que ten entre as súas funcións fundamentais o deber de velar pola ética e a dignidade profesional), busca con esta iniciativa contribuír á ordenación do exercicio das profesións do seu ámbito e facilitar o acceso dos traballadores do sector da informática a melloras profesionais e beneficios académicos. Lembrar que ata o de agora, a única maneira de reflectir a experiencia dos profesionais que desenvolven a súa actividade no sector da informática é mediante a súa incorporación no currículo de xeito autodeclarativo, o que xera dificultades ás empresas para poder valorala de maneira axeitada.
O CPETIG asina un acordo coa Universitat Oberta para facilitar o recoñecemento da experiencia profesional
Compartir Este Artigo
