Este ano que comeza temos ao alcance da man unha boa oportunidade para incrementar a nosa experiencia en ferramentas de creación e xestión de documentos, e tamén para ter perfectamente acreditada esa aprendizaxe. Segundo informou esta fin de semana a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en 2015 convocaranse preto de 1.000 prazas para os cursos de formación precisos para obtermos a certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Este certificado, explica a Axencia, acredita a formación nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada.
Segundo engade o departamento que dirixe Mar Pereira, o obxectivo en 2015 é lanzar dúas convocatorias para os cursos de formación a distancia en marzo e setembro, e outras dúas convocatorias de exames de tipo presencial en abril e outro “para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou opten pola modalidade autoformativa”. Estas citas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e a través da web da rede CeMIT unha vez rematadas as probas convocadas para o ano 2014. Segundo engade a Axencia, a derradeira semana de xaneiro é o prazo elixido para o desenvolvemento das probas presenciais para a obtención do CODIX, exames aos que están chamados os 360 cidadáns que acadaron praza no curso de teleformación lanzado a través da rede CeMIT a finais de 2014.
Polo que respecta aos contidos a impartir, son os do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
· Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
· Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
· Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
·Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
·Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Convocadas para 2015 un milleiro de prazas para obter a certificación de competencias en ofimática
Compartir Este Artigo
