Cada ámbito social, laboral e produtivo semella ter xa seu feixe de aplicacións á medida, e as autónomas e os autónomos non ían ser unha excepción, e máis nuns tempos como os que estamos a vivir nos que fica de manifesto a súa importancia cuantitativa e cualitativa (supuxeron en 2014 case o 19% da poboación ocupada en España e, segundo apuntan determinados estudos, a previsión é que cheguen a abranguer un terzo dos empregos xerados en 2015). Polo tanto, non era de estrañar que chegasen pois ferramentas móbiles á súa medida, como por exemplo Jobs4You, unha aplicación destinada a axudar a ter maior visibilidade e a xerar un espazo de encontro entre profesionais e empresas ou particulares que necesiten servizos de traballadores por conta propia.
O funcionamento de Jobs4You, segundo apuntan os seus desenvolvedores, “é moi sinxelo”. Se somos autónomos deberemos rexistrarnos e crear o noso perfil cos datos sobre o servizo que ofrecemos. Desta maneira, indícase, “os clientes que ingresen á plataforma visualizarán se nos adaptamos ao profesional que están a buscar”. Unha vez que o traballo remate, pediráselle ao cliente que cualifique ao profesional para que o resto de persoas poidan valerse do aval e das opinións doutros particulares que xa probasen o servizo.
“Jobs4You é perfecta para aqueles que buscan unha relación laboral puntual cun profesional autónomo que pode achegarlles servizos de escritura, deseño, asesoramento, arquitectura e un longo etcétera”, engaden os impulsores da ferramenta. E engaden: “A diferenza doutro tipo de servizos e plataformas de micro-emprego que contactan profesionais freelance con particulares, as votacións e valoracións de cada un dos perfís pódense realizar só cando o traballo fose realizado, evitando así outro tipo de votos que non garanten a profesionalidade do emprendedor”.
En marcha unha aplicación para facilitar a visibilidade dos autónomos, Jobs4you
Compartir Este Artigo
