O presidente da Xunta avanzou hoxe o novo contrato dos servizos de telecomunicacións da Administración autonómica, un contrato que concentrando a prestación dos servizos, busca vantaxes de economías de escala e a redución de custos e ofrecendo un mellor servizo aos cidadáns. Nese marco, Alberto Núñez Feijoo afirmou que a Xunta vén de adxudicar por 32,3 millóns de euros o novo contrato de internet, telefonía fixa e móbil que proporciona estes servizos a 3.000 centros da Administración autonómica. Un novo contrato que vai permitir un dobre beneficio: por un lado, un aforro directo de 12 millóns de euros en tres anos; por outro, as empresas operadoras investirán outros 12 millóns de euros a maiores neses tres anos en melloras na rede de telecomunicacións da Xunta.
O titular do Executivo autonómico incidiu en que estes aforros e melloras débense á integración de servizos, á redución de tarifas e ás economías de escala. E concrétanse nunha redución de custos respecto ao contrato anterior do 15% en telefonía fixa, do 44% en internet, e dun 60% en telefonía móbil.
Polo tanto, a Xunta gastará un 15% menos en telefonía fixa, un total de 8,4 millóns de euros para os próximos tres anos; un 44% menos en internet, equivalente a 22 millóns de euros para o mesmo período; e un 60% menos en todos os móbiles, un total de 1,8 millóns de euros nos vindeiros tres anos.
Entre as melloras que se lograrán con este novo contrato destaca a inclusión na rede corporativa dos servizos de telefonía de case 1.400 centros públicos, e o incremento en máis do triplo de media do ancho de banda de máis de 2.300 centros de servizos públicos, dos cales máis da metade pertencen á área da Educación, servizos sociosanitarios e sedes xudiciais. Tamén se integrarán na rede da Xunta as redes de datos do Cixtec e da CRTVG, se reducirán á metade os tempos de resolución de incidencias, mellorarase a cobertura móbil en determinados edificios e reforzarase a conexión de fibra do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), de tal xeito que se estará máis preparado para posibles incidencias.
O novo contrato de telecomunicacións da Xunta permite un aforro de 12 millóns de euros
Compartir Este Artigo
