A Deputación de Lugo abrirá tres centros en Lugo, Viveiro e Monforte para achegar asesoramento, apoio e formación personalizada e de balde ás PEME e autónomos lucenses. Os novos servizos, indica o organismo provincial, cumpren cunha demanda concreta: a que lle trasladaron as empresas das ditas localidades e as súas contornas para contaren con apoio continuo na integración e emprego das novas tecnoloxías da información. Os centros foron presentados pola vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada do director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, perante unha vintena de empresarios da provincia.
Méndez e Rivera fixeron saber que a iniciativa é en boa medida unha ampliación das funcións do Centro de Innovación Social, o In Lugo, unha ampliación temática pero tamén xeográfica. “Se ata o de agora centrou as súas actividades nas persoas da terceira idade, a partir deste mesmo luns o In Lugo ofrecerá tamén servizos no eido tecnolóxico para as empresas”, explicou a vicepresidenta, que engadiu que o proxecto “cumpre cunha das grandes demandas que trasladaron á Deputación as máis de 500 empresas que participaron nos programas de fomento das TIC que impulsou o organismo provincial nestes últimos anos: un espazo físico para recibir apoio continuo no eido das novas tecnoloxías”. Méndez tamén salientou que estes servizos son “un paso máis” para fomentar a incorporación e uso de ferramentas tecnolóxicas no tecido empresarial.
O centro de asesoramento de Lugo estará nas propias instalacións do Centro de Innovación Social (na rúa Frei Plácido Rei Lemos); en Viveiro funcionará na Avenida de Cantarrana, 6; e en Monforte, na rúa Escultor Francisco Moure, 17. A intención da Deputación, con estes novos servizos de apoio ás PEME, é crear “máis de 20 postos de traballo”, cifra que corresponde aos profesionais que se ocuparán de atender ás empresas nas dependencias habilitadas, así como de moverse pola provincia, á procura dos empresarios que así o soliciten. A posta en marcha destes centros, acubillados no programa Innova Empresa 2.0, finánciase nun 80% con fondos europeos, aínda que, segundo avanzou Lara Méndez, “a nosa intención é mantela no tempo con fondos propios”. Tamén sinalou que as empresas que queiran tirarlle proveito á iniciativa (que se vai pór en marcha oficialmente o vindeiro 12 de xaneiro) poden chamar xa ao número de teléfono 982-22-51-86 ou ben achegarse ao Centro de Innovación Social, na rúa Frey Plácido Lemos, s/n.
A Deputación de Lugo vai abrir tres centros de asesoramento TIC para empresas en Lugo, Viveiro e Monforte
Compartir Este Artigo
