O crowdfunding, esta técnica para buscar nos internautas o que sería case imposible nun mecenas de corte tradicional (apoio económico en pequenas cantidades que sumadas fan realidade múltiples proxectos), gaña adeptos e seareiros. E senón que llo digan aos responsables de Kickstarter, plataforma de micromecenado que acadou este ano que vimos de deixar atrás unhas cifras dignas de ser tidas en conta: 850 euros por minuto durante todo un ano, máis de 421 millóns de euros recadados e 22.215 proxectos de cinema, música, videoxogos, tecnoloxía. Kickstarter, que vai polo seu sétimo ano de actividade, xuntou en 2014 un 10% máis ca en 2013.
Segundo fan saber os seus responsables, non hai dúbida de que a plataforma achega un xeito inmellorable de encher os baleiros que deixaron as discográficas tradicionais. Ou sexa, que a falta de produtores e selos que poñan baixo a tutela aos músicos que estean preparando un disco, agora están os internautas de Kickstarter para facelo posible. Da cifra devandita de proxectos impulsados ao abeiro da web, ata 4.009 corresponderon a proxectos musicais que acadaron a súa meta. O cinema vén despois con 3.846 filmes, seguido da a literatura (2.064) e os videoxogos (1.980). Polo que atinxe aos orzamentos xuntados (non ao número de proxectos) o sector que máis cartos atraeu foi o das tecnoloxías. Así, a cuarta parte do recadado pola plataforma ao longo do ano pasado, máis de 100 millóns de euros, correspondeu ao ámbito das TIC.
A plataforma de micromecenado Kickstarter recadou máis de 420 millóns de euros en 2014
Compartir Este Artigo
