Xa de poden ver na Rede os froitos do proxecto KaleidoLabs, iniciativa liderada polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) para achegar a investigación mariña que se realiza en Galicia ao público infantil. Trátase, máis polo miúdo, de oito audiovisuais en cuxa creación e desenvolvemento participaron arreo estudantes dos nosos centros educativos e máis usuarios de APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral). O proxecto KaleidoLabs desenvolveuse dende decembro de 2013 a través de diversas actividades de divulgación inseridas en cinco laboratorios (Valoriz@lab, Dibu@lab, Foto@lab, Especi@lab e Kaleid@lab) nos que o alumnado elaborou múltiples recursos gráficos para as achegas audiovisuais.
Pola súa banda, a produción dos monicreques e a realización das escenas correu a cargo de Monicreques Babaluva e o alumnado do CPI Panxón. Noel Rodríguez e Martín Pérez foron os responsables da realización e a produción dos audiovisuais. O IIM contou co apoio da Unidade de Cultura Científica (UCC) do CSIC en Galicia e o financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.
Segundo fan saber os responsables de proxecto, os oito audiovisuais resultantes son “unha singular proposta” que combina “de forma orixinal” imaxes do noso medio natural e dos laboratorios das instalacións do IIM con música, ilustracións, escenas con monicreques e fotografías. Segundo engaden, “amosan a importancia dos océanos, da conservación das especies e a necesidade de contar co persoal científico para protexer os recursos”.
Como dixemos, o resultado de todo isto pode verse agora íntegro na Rede. Os vídeos están adicados, cada un, a unha temática particular, aínda que todos comparten o alicerce común de estar vencellados ao ámbito do mar. Deste xeito, os traballos en oceanografía, os problemas da conservación do cabaliño do mar, a ecoloxía dos cefalópodos, a xestión de pesqueiras, o cultivo de mexillón, as patoloxías en acuicultura, a microbioloxía e mais a tecnoloxía de alimentos de orixe mariño contan con cadansúa produción monográfica. Os audiovisuais están orientados a escolares de Infantil e Primaria.
Na Rede os audiovisuais do proxecto que achega aos nosos rapaces aos segredos do mar, KaleidoLabs
Compartir Este Artigo
