Arredor das homenaxes (homenaxes sorpresa) que se lle están adicando ao escritor e músico arousán Manuel Seixas (amais de profesor de Filosofía, tal e como ben lembra quen escribe e quen tivo a sorte de telo de mestre), vénse de pór en marcha unha páxina web, Sonhado con Seixas, que é ante todo un convite literal a coñecer (e soñala) a traxectoria do autor de A velocidade do frío (Premio Xerais). Amais da web, a actividade festiva non é precisamente pouca: versións das súas cancións feitas por outros grupos, unha festa propiamente dita e textos de homenaxe feitos por compañeiros. Todo para pór de relevo ao artista e a quen hai detrás do artista, responsable de cousas como o mítico grupo Korosi Dansas ou o selo discográfico e literario Madame Mir.
Segundo puidemos saber, a web en cuestión foi presentada por sorpresa os días pasados na Illa de Arousa, facéndose fincapé na súa arela de amosar do xeito máis completo e clarificador posible o labor multidisciplinar de Seixas. Porén, e este é un dos puntos fortes da proposta dixital, boa parte dese labor e dese legado amósase a través de quen o coñece ben: xente como Josito Porto (autor do texto-homenaxe Arriba esas cañas!), os integrantes de Zenzar ou Ruxe Ruxe (facendo versións dos temas de Seixas), Fran Montoiro (co seu debuxo inspirado en A velocidade do frío) ou Alberto Busto (Xente Positiva), entre outros moitos (Pito de Pikasso, De Lombaos, Quilma, Xurxo Souto, etc). Na páxina hai textos, músicas e material gráfico, todo artellado a xeito de xaneliñas que son como as facetas do legado do autor. Ou mellor dito: de como os demais son quen de ver, grazas a Seixas, o seu legado.
Segundo explica ao CCG Vituco Neira, de Ruxerruxe, “optamos por facer un web no canto dun disco conmemorativo porque así o proxecto permite que se vaian incorporando novas colaboracións; a maiores sabiamos que ademais de músicos, xente doutras disciplinas quería participar, e pareceunos que era o máis axeitado”. Lembrar tamén que se trata dun proxecto dixital aberto, precisamente coma unha festa que non ten trazas de rematar e á que se vai incorporando xente, polo que en breve chegarán novas contribucións musicais, gráficas ou literarias.
Músicos e artistas xuntan forzas nunha web para homenaxear ao escritor Manuel Seixas
Compartir Este Artigo
