A Universidade da Coruña puxo en marcha este xoves, oficialmente, a súa nova sede electrónica. A iniciativa foi dada a coñecer na Reitoría polo vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde, o adxunto para Novas Tecnoloxías, Víctor Carneiro, e o coordinador da área de Rede e Comunicacións do Servizo de Informática e Comunicacións, Javier Fariñas. Segundo fixeron saber, a sede dixital comezou hoxe mesmo a funcionar, accesible a través de sede.udc.gal. No acto debulláronse as liñas mestras desta “plena adaptación da Universidade á Administración Electrónica”. Por unha banda, indicouse que a sede en liña inclúe unha serie de aplicacións que permiten aos internautas interactuar coa UDC por medios telemáticos seguindo as premisas da Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.
A UDC dixital tamén incorpora un Taboleiro Electrónico Oficial, onde a partir de hoxe poderán consultarse todas as publicacións oficiais da universidade, e o Rexistro Electrónico, onde calquera cidadán que dispoña dun certificado electrónico persoal poderá achegar comunicacións e documentos “exactamente coas mesmas garantías que si o fixese no rexistro presencial”, fíxose saber na presentación.
A maiores, a plataforma acolle tamén un Catálogo de Trámites Electrónicos que ofrece aos cidadáns e ao persoal da universidade “unha forma localizada e sinxela de acceder aos seus servizos”. No acto de posta en marcha oficial tamén se indicou que os documentos selados de xeito electrónico pola UDC poderán ser validados directamente na propia sede, “permitindo desde xa a emisión de documentación electrónica coa mesma validez que en papel e facer copias auténticas sen a necesidade das tradicionais compulsas”.
Para os responsables da institución académica galega, o arranque da sede constitúe un fito no avance da UDC na Administración Electrónica e sen papel. E engadiron: “O uso da sede e dos mecanismos de comunicación que fornecen estas aplicacións favorecerá a calidade dos procedementos administrativos, o aforro de custos e a diminución do impacto no medio ambiente”. Este compromiso da Universidade polos procedementos dixitais avanzados é, segundo engadiron, “un eido estratéxico de cara ao ano que comeza”, no que seremos testemuñas do desenvolvemento de novas ferramentas e servizos dirixidos á comunidade educativa e, tamén, a toda a cidadanía.
A Universidade da Coruña pon en marcha a súa sede electrónica avanzada
Compartir Este Artigo
