Este venres tiña lugar no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) da Universidade de Santiago a presentación do proxecto Lanzadera, promovido polo propietario dos Supermercados Mercadona, Juan Roig, co gallo de axudar aos novos emprendedores a crear unha empresa. Deste xeito, a plataforma convoca anualmente a quen dispoña dun proxecto empresarial innovador, achegándolle os recursos formativos, económicos e estruturais precisos para levar a cabo a súa idea.
Segundo se fixo saber, Lanzadera financia os proxectos “cun empréstito sen garantías nin avais, sen participación na sociedade, de ata 200.000 euros”; pon a disposición destes “titores e mentores que asesorarán a cada un sobre o mellor xeito de abranguer o seu proxecto”, así como “soporte administrativo, legal e laboral para que o emprendemento poida centrarse no desenvolvemento do seu modelo empresarial”.

E neste programa tamén está presente a vertente galega, pois segundo reflicte Europa Press dous dos proxectos que participaron na segunda edición están dirixidos por emprendedores galegos. Este é o caso de Barkibu, unha aplicación de teleconsulta veterinaria que permite atopar ao mellor veterinario dispoñible e realizar unha consulta no momento, sen ter que desprazarse ata a clínica. O equipo, liderado polo enxeñeiro informático Pablo Pazos, compóñeno tamén o enxeñeiro Quique Torres e a filóloga Patricia Méndez.
Tamén galegos son os promotores de Enohm, unha firma de deseño de vasos e copas cuxo obxectivo é simbolizar a celebración da vida, para o que se vinculan con outros sectores como a moda ou a arte. Os responsables son o economista Cristóbal Villar, os enxeñeiros Damián Rodríguez e Jaime Muíños, así como o licenciado en Ciencias Políticas Miguel Vispo.
Dáse a coñecer no CiTIUS a plataforma de pulo ao emprendemento do propietario de Mercadona
Compartir Este Artigo
