A Historia da Arte estará a partir de agora tamén en formato dixital pois chéganos a nova dende o Campus de Ourense da creación dunha colección de libros interactivos para soportes Apple. Estamos a falar da Arquitectura da Antiga Grecia, o primeiro dunha serie de libros electrónicos interactivos para soportes Apple (iMacs e iPads) que ten parte do seu xermolo no Campus de Ourense e que está a ter moi boa acollida no mundo educativo. Diana Vilas, docente da área de Arte da Universidade de Vigo nas facultades de Historia e Ciencias Empresariais e Turismo, é coautora deste volume xunto con Óscar Rodríguez, profesor de ensinanza secundaria no IES Illa de Ons de Bueu.
Dicir que o libro foi deseñado por Imaxina novas tecnoloxías, unha editora en liña especializada na creación de material educativo dixital, e dende o pasado mes de novembro xa está dispoñible en castelán e inglés na tenda de textos educativos que Apple ten en máis de 50 países dentro da categoría de libros de texto ou iBooks Textbooks.
A xeito de curiosidade cómpre sinalar que Apple vén de colocar esta primeira entrega entre os libros de texto máis sobranceiros en España e Estados Unidos e mesmo lle reservou un dos seus privilexiados espazos publicitarios na edición do Reino Unido. A combinación entre a calidade do texto e o material visual desta obra, que nas súas 98 páxinas coida os detalles nas reconstrucións en 3D, foi un dos motivos polos que foron convidados a participar na Bett Show 2015, a maior feira de educación e tecnoloxía que se celebra en Londres dende hai 30 anos e que abrirá as súas portas ao público o vindeiro día 21 de xaneiro.
Vilas e Rodríguez adaptaron os contidos ás directrices norteamericanas que establece o AP Art History Curriculum Framework, dirixido especialmente a estudantado de 2º de Bacharelato e de acceso á universidade. Ademais da calidade do libro, a gran diversidade de actividades que proporciona a guía didáctica final “cunha ampla batería de actividades que promove a aprendizaxe autónoma é de gran utilidade tanto para o profesorado como para a autoavaliación dos propios alumnos e alumnas.
O Campus de Ourense introduce a Historia da Arte nun libro electrónico
Compartir Este Artigo
