Microsoft anunciou hoxe os resultados económicos para derradeiro trimestre do ano pasado, cuns ingresos de 26.470 millóns de dólares, o que supón un incremento do 8% con respecto ao mesmo período do ano pasado, demostrando que o cambio de estratexia da compañía dos últimos meses foi o acertado. Satya Nadella asegurou que “Microsoft continúa a súa transformación, executando as nosas estratexias prioritarias e estendendo o noso liderado na nube. Estamos a tomar pasos decididos nos nosos negocios, especialmente con Windows 10 e entregar novas experiencias, novas categorías e novas oportunidades para os nosos clientes”.
Os resultados de Microsoft reflicten unha caída do 13% na venda de licenzas de Windows (algo previsible dado que estamos ás portas da renovación do sistema operativo da compañía de Redmond), un crecemento do 8% na división de dispositivos (destacando as boas vendas de Surface, que se incrementaron un 24% chegando aos 1.100 millóns de dólares e mesmo de smartphones Lumia, que con 10,5 millóns de unidades xerou 2.300 millóns de dólares) e o grande incremento de subscritores de Office 365 (que supera xa os 9,2 millóns). En definitiva, que a aposta pola nube e o móbil, senda escollida por Microsoft, está a demostrar ser a máis atinada que a compañía podía ter tomado.
Microsoft pechou 2014 cunha mellora dos seus resultados financeiros
Compartir Este Artigo
