A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) está a lanzar críticas sobre as supostas vantaxes das tarifas planas dos libros electrónicos, modalidades fixas de pago que achegan aos lectores cousas como unha cota mensual a cambio de ler todos os ebooks que queiran dende a súa tableta, smartphone ou eReader. Segundo a entidade de consumidores, sobre o papel as ofertas pintan ben (hai bos prezos, boas posibilidades), o problema chega cando nos decatamos de que “a oferta actual deixa que desexar polo reducido do seu tamaño e polos prezos para tan pouco catálogo”. A OCU nin sequera salva da queima á tarifa Kindle Unlimited de Amazon, que se ben amosa unha listaxe máis grande de libros electrónicos fronte ao que fornece a competencia, “remata tamén por decepcionar”.
O motivo? Pois, segundo engade a OCU, só é posible atopar en Kindle Unlimited o 20% dos libros máis populares dos últimos meses (top vendas). Polo que atinxe a Skoobe, “tamén se queda no 20%”, mentres que 24Symbols “consegue un 30%”. Porén, engade a plataforma de consumidores, é Nubico Premium a que de verdade consegue salientar un algo, ficando por enriba do resto ao dispor do 39% das obras máis vendidas. No que se refire a Suscribooks, a OCU apunta ao reducido da súa oferta, aínda que haberá que darlle tempo para que poña a punto o seu servizo.
Por prezos, a organización lembra que non hai grandes diferenzas entre unhas tarifas planas e outras. De feito, todas as avaliadas (Nubico Premium, 24Symbols, Suscribooks, Amazon Kindle Unlimited e Skoobe) móvense entre os 9 e os 10 euros. Para a plataforma de usuarios, está claro “que estes prezos son razoables se só falamos dunha subscrición familiar ou dun ávido lector que sabe amortizala (no intre en que nos damos de baixa, perdemos o acceso a todo o catálogo)”.
A OCU critica as tarifas planas de ebooks polo limitado do seu catálogo
Compartir Este Artigo
