
A xornada, que clausura antes do xantar a directora da AMTEGA, Mar Pereira, serviu por unha banda para amosar o modelo de Cidade Intelixente polo que aposta Compostela e, pola outra, para abrir camiño (un camiño ancho e fluído) en materia de exportación de ideas e de recepción de propostas. Para impulsar este punto, a organización convocou múltiples especialistas en innovación urbana procedentes de Galicia e de todo o Estado.
Como dixemos, unha parte da xornada xirou, dende o primeiro intre (coa inauguración a cargo de Agustín Hernández, alcalde de Santiago), arredor da iniciativa concreta para converter Compostela nunha Smart City, o proxecto Smart IAGO. Os encargados de debullar os métodos a seguir e os principais retos foron o alcalde, a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, o director da Área de Desenvolvemento Sostible, José Oreiro Romar, e máis o xefe de Innovación do Concello (e presidente do CPEIG), Fernando Suárez. Este último centrou o seu relatorio en definir as necesidades principais e os grandes retos tecnolóxicos dunha cidade cunhas particularidades tan marcadas como as da capital de Galicia, urbe Patrimonio da Humanidade e cun casco histórico a protexer e impulsar e que actúa, aínda agora, como corazón social, comercial, hostaleiro e administrativo.
Suárez comezou apostando pola seguinte definición do que é e debería ser unha Cidade Intelixente: “Unha Cidade Intelixente é a que é quen de aproveitar os datos que produce acotío para xerar información nova que lle permita mellorar a súa xestión e ser máis sustentable, máis competitiva e ofrecer mellor calidade de vida”. Esta é polo tanto a base do proxecto compostelán, dixo, crear unha contorna urbana que sexa o mais eficaz e eficiente posible, que achegue os mellores servizos ao tempo que prioriza o aforro e o respecto polos recursos naturais e que implique ao cidadán na súa consecución e desenvolvemento.
Unha cidade como Santiago non será Smart City, engadiu o xefe de Innovación do Concello, “se non atende a todos os seus retos á vez e dun xeito integrador”, dende implicar ás persoas e impulsar a innovación económica ata apostar pola mobilidade, a xestión óptima e rendible dos refugallos e a conexión universal á Sociedade do Coñecemento.
Segundo fixo saber, o proxecto compostelán leva desenvolvéndose dende 2012 e, dende o principio, a idea sobre a que se sustentaba era a de acadar un modelo “útil, integrador e sustentable”. En definitiva, un dos seus alicerces é que funcione como coñecemento aberto, xerando valor para a propia cidade pero tamén para calquera outra urbe con semellantes características ás de Compostela (un casco vello histórico xerando un eixe arredor do que xira todo o demais, patrimonio á impulsar cara ao futuro ao tempo que se blinda a súa protección, etc), co fin de que poidan aplicar as fórmulas de Santiago ao seu caso particular. Fórmulas, explicou, que pasan (por exemplo) por garantir a mellor conectividade á contorna histórica sen danar nin alterar o seu conxunto, por asegurar unha xestión intelixente do alumeado (xerando sustentabilidade e aforro e evitando contaminación lumínica), por impulsar a participación cidadá na separación e recollida de refugallos ou por establecer medidas para acadar un tráfico máis fluído e menor contaminación. Por certo que neste último reto inclúese, sen ir máis lonxe, o proxecto piloto para a implantación da aplicación Apparcar do que falamos os días pasados dende Código Cero (posto en marcha polo de agora na Avenida de Barcelona).
Santiago debulla ante ducias de especialistas en Cidades Intelixentes o seu modelo exportable de urbe innovadora
Compartir Este Artigo
