Hoxe anunciábase no marco dunha conferencia de prensa da feira Baselworld (Salón Mundial da Reloxería) a unión de TAG Heuer, Google e Intel, que anunciaron un proxecto que pretende lanzar ao mercado un smartwatch suízo baseado nas tecnoloxías de Intel e de Android Wear. A iniciativa, sinalaron, representa o comezo dunha nova era de colaboración entre os fabricantes suízos de reloxos e Silicon Valley, na que cada compañía achega a súa experiencia na fabricación de reloxaría de luxo, software e hardware.
En virtude deste acordo de colaboración, engadiron, ingredientes como innovación, creatividade, luxo e deseño chegarán desde Silicon Valley en California e desde o coñecido como Val dos reloxeiros na Chaux-de-Fonds, en Suíza. Dende Intel engaden que traballar a prol de experiencias tecnolóxicas que acheguen unha maior utilidade e un meirande valor para todos contribuirán a inspirar novas innovacións no eido das tecnoloxías wearable.
O reloxo en cuestión chegará ao mercado a finais de ano. A marca suíza tamén sinalou que os detalles do dispositivo xa están determinados e fixados, pero non se farán públicos ata que o lanzamento do trebello estea preto. Do prezo, o fabricante de reloxos de luxo TAG Heuer tampouco quixo achegar información, aínda que se prevé alto.
Google, Intel e a marca de reloxos TAG Heuer únense para facer realidade un smartwatch
Compartir Este Artigo
