
Os filmes en cuestión son obra de Joaquín García Portela, Costiña, un reputado fotógrafo local que desenvolveu a súa actividade na primeira metade do século XX. “O pasado Nadal”, conta Xurxo, “cando as súas netas Joaquina e Celia Martínez estaban a limpar o faiado, apareceu unha caixa de oito rolos de películas no formato 9,5 milímetros da Casa Pathé”. A metade destas pezas, comenta, son comerciais (noticiarios, comedias e relixiosos) e os outros rolos son filmes familiares con moitas filmacións que reflicten a vida da Guarda durante os anos da Segunda República.
Como dixemos, os rolos dos filmes son de 9,5 mm, “un formato singular comercializado pola Casa Pathé de Francia en 1925” e que chegou a mans de varios fotógrafos galegos a finais da década dos 20, amais do proxector que permitía a súa exhibición, para facer sesións de cinema comerciais ou privadas. Joaquín García Portela mercou o proxector e unha cámara coa que fixo filmes familiares durante os primeiros anos da década dos 30. Tralos estudos previos do material, sábese xa que estes filmes do director Costiña foron feitos no abano temporal que vai entre 1931-1935, segundo contan dende o proxecto “un período importantísimo onde se sabe que A Guarda recibiu a visita de etnógrafos, fotógrafos e cineastas como Xaquín Lorenzo Xocas, José Suárez e Carlos Velo”. En definitiva, estamos ante unhas pezas “que conforman o mellor xeito de coñecer a vila pontevedresa durante o período da República”, segundo explican dende Socheo, que tamén engaden que xa se estableceron contactos co CGAI para estudar unha posible dixitalización, “mais a singularidade do soporte cinematográfico (9,5 mm) fai imposible a súa conversión aos novos formatos en Galicia”. Polo tanto, pediuse un orzamento a un laboratorio de Madrid que, segundo explican, “resulta inasumible para a filmoteca galega”.
Deste xeito, o Proxecto Socheo fai un chamamento ás institución locais ou entidades privadas para poder cubrir os gastos, amais de convocar tamén á comunidade galega de internautas e seareiros do audiovisual, cada vez máis ampla.
O Autor
Joaquín García Portela (A Guarda, 18 de febreiro de 1894 – 14 de xullo de 1957) entrou no mundo da fotografía de man do estudo fotográfico guardés Casa Táboas. Emigrou a Arxentina onde perfeccionou a súa técnica fotográfica. A mediados da década dos vinte regresou á Guarda e combinou o seu traballo de fotógrafo co de técnico de radio, chófer e proxeccionista de cinema. Nun principio el e a súa familia moraban nunha casa no barrio de Laxe Grande, mais a comezos da década dos corenta instalou o seu estudio na Rúa Concepción Arenal. O seu traballo fotográfico e a súa bonhomía aínda están moi presentes nas lembranzas dos veciños da Guarda.
O Proxecto Socheo convoca entidades, empresas e internautas para dixitalizar históricos filmes da Guarda en 9,5 mm
Compartir Este Artigo
