O director guardés Xurxo Chirro impulsa un proxecto para preservar o legado visual da súa vila na Rede

venres, 13 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Unha das pezas que nos amosa Socheo: a gran nevada do 1987

O guardés Xurxo Chirro, premiado na última edición do Play-Doc grazas a Vikingland, un documental que conta a historia dun mariño mercante galego (O Haia), como símbolo que recolle unha boa parte dos acontecementos propios da diáspora galega, volve homenaxear á xente galega do mar no seu novo traballo entre mans: o Proxecto Socheo. Máis polo miúdo, a iniciativa serve de recoñecemento á vila da Guarda, a través dunha proposta para a localización, rexistro, análise e posterior fornecemento do seu legado audiovisual, un rico patrimonio ata o de agora espallado, obra dos propios veciños, e que grazas á presenza en liña do proxecto e a canle de seu no YouTube atopa agora acubillo global e permanente.
O proxecto, cuxo nome fai referencia a un termo empregado na costa galega para facer referencia á última fase da preamar, consiste basicamente en convocar a tódalas persoas da Guarda e da súa contorna que atesouren anacos audiovisuais do pasado da vila e que ademais teñan valor etnográfico, social, histórico e cultural. Chirro traballa na iniciativa cunha equipa de profesionais e investigadores cubrindo tódolos elos da cadea: dende facer o posible para conseguir un material ata a súa posta a disposición da comunidade, pasando polo proceso de estudo e dixitalización das obras, e todo sen que isto repercuta economicamente no propietario de cada peza. Arestora, é posible xa ver máis de 30 vídeos sobre a historia da vila pontevedresa e que cobren case un século da mesma. Para Chirro e o seu grupo de colaboradores, a iniciativa quere pór de manifesto o potencial dunha das vertentes máis salientables das novas tecnoloxías e servizos da información e a comunicación: o seu potencial como instrumento preservador do pasado.