Entre os galardoados na novena edición dos Premios 20Blogs, entregados o pasados xoves en Madrid, hai presenza galega. Por exemplo a dos responsables da iniciativa PoliticAhora, impulsada por dous mozos de Ponteareas e gañadora, finalmente, co galardón ao mellor blog de actualidade. A entrega do recoñecemento celebrouse no CaixaForum de de Madrid, onde se deron cita centos de blogueiros de todo o territorio estatal, xuntándose tamén persoeiros de referencia no ámbito público como os xornalistas Ana Pastor ou Juan Ramón Lucas. O certame foi presentado por Frank Blanco e nel participaron máis 7.000 bitácoras a través de máis de 20 categorías.
Lembrar que os responsables de PoliticAhora (mellor web na modalidade de actualidade) son os galegos Diego Mo e Cesáreo Pereira. Segundo nos contan os dous blogueiros de Ponteareas, a súa satisfacción polo premio é ben grande, xa que entre outras cousas foron quen de “demostrar que en Ponteareas, aparte de ciclismo e populares alfombras florais, faise información política e económica próxima e obxectiva”. Ao seu xuízo, o recoñecemento ten aínda máis valor se temos en conta a envergadura do certame, sen dúbida o evento blogueiro de meirande repercusión do ámbito estatal.
Como recordaremos, Cesáreo Pereira e Diego Mo puxeron en marcha a súa iniciativa en 2012, logo da súa experiencia na Universidade de Vigo, co obxectivo de servir de plataforma obxectiva coa que achegar a política á cidadanía sen condicionamentos ideolóxicos ou políticos, libre e independente.
A web galega PoliticAhora, mellor blog de actualidade nos Premios 20Blogs
Compartir Este Artigo
